A piscina municipal de San Sadurniño vai abrir ao público o luns 22 de xuño e, como ocorre todos os anos, o departamento de Deportes ten xa aberto o prazo para solicitar os abonos individuais e familiares de temporada, xunto co período para preinscribirse nos cursos de natación. As instancias -que poden descargarse ao pé desta información- hai que presentalas na Sede Electrónica ou presencialmente na Casa da Cultura en horario de 9 a 14:00h. de luns a venres. A novidade deste 2026 é que o Concello ten previsto levar a cabo unha experiencia piloto de ximnasia na auga orientada principalmente a persoas maiores, dándolle continuidade deste xeito ás sesións de ximnasia de mantemento que se desenvolven nas parroquias.
O horario de baños libres da picina será o mesmo que os anos anteriores e manterase fixo ata o 13 de setembro: de 15:00 a 21:00h pola semana e de 12:00h a 21:00h os sábados, domingos e festivos. A escola municipal de natación, que arrancará o 3 de xullo, mantense os mércores e venres a partir das 11:00h ofertando durante os dous meses centrais do verán as actividades de iniciación e perfeccionamento, sempre que se xunte un mínimo de participantes.
Para inscribirse nos cursos cómpre rexistrar a solicitude -dispoñible na web- e efectuar o pagamento da taxa, que pode facerse con tarxeta directamente nas oficinas municipais ou no banco mediante ingreso ou transferencia, que deberá adxuntarse á petición. Os prezos para rapazada ata 14 anos que estea empadroada son 15,56 euros (19,55€ a doutros concellos) e 25,97€ para maiores desa idade (32,48€ doutros municipios).
Abonos de temporada, a mellor opción
As entradas individuais para baños libres -4,11€ persoas adultas e 2,06€ menores de 14 anos- hai que collelas cada día na cantina da piscina, aínda que compensa máis mercar un bono para toda a temporada, con prezos de 36,33 euros para os abonos individuais de persoas empadroadas e de 64,94€ se se trata de abonos familiares ata catro membros.
O bono increméntase en 6,49€ por cada persoa a partir da quinta (independentemente do empadroamento) e tamén ten un prezo lixeiramente máis alto en todas as modalidades se se trata de persoas que non estean empadroadas en San Sadurniño: 46,75€ o individual e 77,93 euros o abono ata catro membros, dos cales estean empadroados no concello menos da metade.
Os bonos deben solicitarse presencialmente na Casa da Cultura ou a través da Sede Electrónica, adxuntando fotocopia do carné da persoa solicitante, fotografías tamaño carné das persoas beneficiarias -poden ser unha ou varias se é familiar-, o resgardo do pagamento da taxa, a ficha de solicitude e, de ser o caso, a fotocopia do carné xove (só para abonos individuais).
Igual que ocorre cos cursos, o pagamento pode efectuarse con tarxeta na propia Casa da Cultura ou ingresando/facendo transferencia e incorporando o resgardo ao formulario de petición.
Ximnasia na auga para persoas maiores
O departamento Deportes está pulsando o interese das persoas que asisten ás clases de ximnasia de mantemento para saber se tamén quererían facer ximnasia na auga durante as mañás do verán. Trátase dunha iniciativa piloto coordinada polo técnico da área cos grupos de Lamas, Igrexafeita, San Sadurniño, Santa Mariña do Monte e Naraío. De haber demanda, a actividade pasaría formar parte da oferta municipal de actividades estivais. “Esta opción da ximnasia acuática é con vistas ao futuro e coa posibilidade de compatibilizala con baños libres tamén polas mañás. Unha posibilidade que estamos estudando e que vai depender de que contemos con socorrista neses tramos horarios e de que non se interfira no desenvolvemento dos cursos”, explica o concelleiro de Deportes, Manel Martínez.
Aínda que a piscina municipal abrirá oficialmente o luns 22, as instalacións xa estarán operativas na fin de semana inmediatamente anterior -o venres 19, o sábado 20 e o domingo 21-, xa que o vaso estará a disposición da rapazada que vai participar durante eses tres días no XX Torneo de Fútbol 8 organizado polo CF San Sadurniño.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.