● A agrupación conta agora cun máximo de 30 voluntarios para garantir un funcionamento moderno e eficaz
● O goberno municipal aprobou un regulamento que establece o marco de funcionamento do grupo
O Concello de Curtis culminou a reorganización da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil (AVPC). O proceso iniciouse coa aprobación dun regulamento que dota o grupo dun marco de funcionamento moderno e eficaz, incrementando a operatividade e funcionalidade do servizo. Cabe mencionar que durante o prazo de exposición pública non se presentou ningunha alegación ao mesmo.
A agrupación está formada agora por 30 voluntarios en activo, o número máximo permitido pola normativa municipal. Trátase dunha cifra máis que suficiente para atender as necesidades operativas do concello. Os membros foron seleccionados en base á súa antigüidade na AVPC e creouse ademais unha listaxe de agarda para ir incorporando novos efectivos en caso de producirse baixas.
Esta limitación no número de integrantes vén motivada polas características demográficas do municipio, así como por cuestións de operatividade e saúde financieira. Deste xeito, garántese un funcionamento óptimo da agrupación. A directiva da agrupación xa coordinou ante a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior a reestruturación do cadro de voluntarios, en cumprimento da nova normativa.
O regulamento establece a estrutura organizativa da AVPC, os dereitos e deberes dos voluntarios, os requisitos de acceso, o réxime de formación e o procedemento sancionador, entre outros aspectos. A agrupación, con domicilio no Recinto Feiral de Curtis, ten como misión fundamental a colaboración nas tarefas de prevención e protección da cidadanía ante situacións de emerxencia.
Con este cambio, o Concello de Curtis reforza o seu compromiso coa seguridade da veciñanza á vez que dota a agrupación dun marco normativo actualizado. O alcalde, Javier Caínzos, destacou que “con este regulamento damos un paso importante para que a nosa agrupación de voluntarios traballe con todas as garantías e coa mellor organización posible, sempre tendo en mente o obxectivo de mellorar a seguridade de todos os veciños e veciñas do noso municipio”.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.