O Concello colabora con esta cita que une cultura e solidariedade
O Concello de Ribeira colabora cunha nova iniciativa a favor da Asociación Ambar. Trátase da terceira edición do Mimarte Fest que se desenvolverá no 26 de xuño, ás 20.00 horas, no novo Auditorio municipal para recadar fondos para a rehabilitación das vivendas inclusivas de Ambar, promovendo así a autonomía e mellorando a calidade de vida das persoas con diversidade funcional.
“Cremos que esta é unha boa oportunidade para que o conxunto da cidadanía lle agradeza a Ambar todo o que levan feito por polas persoas con diversidade e as súas familias, asistindo a este festival benéfico, pois o recadado coa venda das entradas destinarase integramente a dita acción”, en palabras da segunda tenente de alcaldesa, Herminia Pouso.
Pola súa parte, a presidenta de Ambar, Milagros Rey, explicou que a Administración local boirense cedeulles as antigas vivendas dos mestres en praia Xardín; uns inmobles que agora hai que acondicionar e, por este motivo, destinarán aí os fondos acadados.
Tamén interveu a directora de Mimarte, Tania Fuegho, quen manifestou que, ano tras ano, este “soño feito realidade” foi increscendo. Un cento de alumnos de Mimarte de distintas disciplinas, xunto a usuarios de Ambar, serán os que demostren no escenario o seu talento para desfrute do público asistente.
Finalmente, Sergio Pouso, usuario de Ambar e participante nesta iniciativa, trasladou a súa vocación de actor e cantante e, no 26 de xuño, será a primeira vez que se suba a un escenario para así “acadar tódolos soños.”
As entradas xa están esgotadas, se ben hai a opción de botar unha man á causa a través da Fila 0, realizando unha doazón por Bizum co código: 14265.
Outra das accións a desenvolver para o mesmo fin é a duodécima edición da Carreira pola Diversidade, no 12 de xullo, na que solidariedade e deporte van da man.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.