Thursday 11 de June de 2026

Neda destinará 250.000 euros anuais á limpeza do conxunto dos edificios e instalacións municipais


O Concello de Neda vén de adxudicar por 250.504 euros (IVE incluído) o servizo de limpeza de edificios e instalacións municipais, que contempla ademais os dous colexios públicos de primaria e o centro de saúde do municipio. A nova firma asume tamén as tarefas de control de acceso e mantemento en varios equipamentos deportivos locais.

A oferta de Nortex Outsourcing Global S.L. foi a máis competitiva das dúas presentadas. E a empresa, que ten que subrogar aos traballadores da anterior adxudicataria, está previsto que comece a traballar de forma inmediata.

Entre as súas responsabilidades, garantir as condicións de hixiene e salubridade requiridas para o correcto desenvolvemento das actividades tanto nas instalacións municipais como naquelas outras dependencias nas que a entidade local ten que asumir o mantemento.

Así, o contrato inclúe os traballos de limpeza de accesos, interiores e mobiliario de edificios municipais como a Casa Consistorial, a Casa da Cultura, Centro Cívico e ximnasio, Casa das palmeiras, Escola Infantil municipal, o edificio da Toeleira; noutros xestionados polo Concello como o albergue de peregrinos, e suma tamén equipamentos xestionadas por outras administracións como o CEIP Maciñeira, o CEIP San Isidro, o centro de saúde de Neda ou o Xulgado de paz.

Finalmente, a firma terá que ocuparse da conservación, mantemento, limpeza, así como o control de entrada e uso das instalacións deportivas do pavillón polideportivo municipal Ale de Paz, e do campo de fútbol Juanito González.
En total, o contrato, cunha duración dun ano prorrogable por outro, contabiliza unhas 13.524 horas de traballo repartidas ao longo dos doce meses do ano.

Deja un comentario