Thursday 11 de June de 2026

Máis dun centenar de nenos e de nenas participará este sábado na novena Carreira escolar do Concello de Neda


Un total de 105 nenos e nenas inscribíronse para participar este sábado, 13 de xuño, na “IX Carreira escolar Concello de Neda”. A proba, que dará comezo ás 10 horas, desenvolverase na contorna do albergue de peregrinos, no paseo marítimo de Xuvia, e busca fomentar a práctica de actividade física e achegar esta disciplina deportiva á rapazada

Dirixida a menores de entre 3 e 13 anos, a competición incluirá un total de cinco categorías, en función da idade. Así, os peques correrán 50 metros, os corredores e corredoras de sub-8 (350 metros); sub-10 terá un percorrido de 700 m; e finalmente, os sub-12 e os sub-14 deberán completar no menor tempo posible 1.050 metros.

O alumnado dos colexios públicos locais será o gran protagonista da proba, coa que o Concello trata de impulsar a práctica do atletismo entre os máis pequenos do municipio e, sobre todo, facer do deporte un medio de diversión educativo. En boa medida, a carreira convértese nun punto de encontro dos estudantes de infantil e primaria da localidade. Así, confirmaron participación nas probas ata 49 menores do CEIP Maciñeira e 41 do CEIP San Isidro.

Haberá ademais estudantes do CEIP Plurilingüe de Ponzos, das Mercedarias e do Belén, en Ferrol; así como dos colexios naroneses Jorge Juan, Santiago Apóstol e Ayala Ponte de; e do CPI Atios, de Valdoviño. Apuntan dende o servizo de Deportes que os nenos e nenas participantes terán que recoller os dorsais no lugar da carreira a partir as 9:30 horas.

O obxectivo da iniciativa non é outros que crear afección por esta disciplina deportiva e fomentar a convivencia e o deporte en igualdade. De feito, desta volta, as nenas representan o 57 % das inscricións.

A totalidade dos participantes desta IX Carreira Escolar do Concello de Neda recibirán, independentemente da posición na que finalicen, medalla. Ademais, haberá trofeo para os tres primeiros clasificados masculinos e femininos de cada categoría.

Deja un comentario