Estas sesións ofrécense de xeito complementario aos cursos de formación para obter o carné de manipulador
A Consellería do Medio Rural impartiu no que vai de ano preto de 30 charlas informativas sobre produtos fitosanitarios ao longo da provincia coruñesa, co fin de aclarar aos veciños dos distintos municipios a necesidade de obter ou non o carné de manipulador. De feito, estas sesións ofértanse como complemento, e de xeito previo, aos cursos que tamén se levan ao longo da provincia. Ata o de agora chegouse xa a 1.000 asistentes, cifra que se incrementará ao longo deste mes porque hai previstas outras 11 sesións en distintos municipios. A próxima será o martes en Trazo e o xoves en Sada.
Estas sesións están resultando moi útiles para aclarar os conceptos derivados da ampliación do Plan de acción de uso sostible de produtos fitosanitarios e, de feito, moitos asistentes cancelan máis tarde a súa petición do curso do carné, dado que os particulares teñen no mercado produtos alternativos que non precisan desta licenza.
Dende a Xunta de Galicia, estase a facer un gran esforzo nestes procesos de información e formación. De feito, triplicouse a oferta formativa. Actualmente hai en execución máis de 100 cursos con máis de 2.000 horas de formación para 2.000 persoas. Entre eles compréndense todos os niveis: básico, renovación e cualificados, aínda que o primeiro deles é o máis demandado polos concellos, cos que se coordina o calendario para impartir estas sesións.
Dende a Consellería xa se está a traballar na planificación do plan de formación do segundo semestre deste ano.