Wednesday 10 de June de 2026

O público achégase á obra O lado nobre, de Irene Lourido, gañadora no X Certame de Novela Curta Cidade Centenaria de Ribeira


 O Concello e Xerais reafirman a súa colaboración coa sinatura do convenio para a décimo primeira edición

A xornalista Irene Lourido presentou hoxe en Ribeira o libro co que resultou gañadora no X Certame de Novela Curta Cidade Centenaria de Ribeira. A obra O lado nobre foi escollida entre unha vintena de orixinais presentados e destaca polo seu relato persoal e conmovedor; unha crónica íntima sobre os coidados, a dependencia e a fraxilidade da vida.

Cun estilo directo e emotivo, os textos máis introspectivos vanse fundindo con anécdotas de momentos vitais, nun exercicio de memoria e noutro de proxección ante a necesidade de atopar beleza e dignidade nos momentos máis difíciles.

Durante a presentación, a escritora estivo arroupada pola alcaldesa, María Sampedro, e o director da editorial Xerais, Fran Alonso. Sampedro destacou a traxectoria do concurso “que naceu hai 20 anos co afán de promover, apoiar e poñer en valor a creación literaria en lingua galega e conmemorar a concesión do título de cidade.”Enxalzou, así mesmo o traballo de Irene Lourido, coñecida xornalista da CRTVG que se estreou como escritora con esta novela.
“Xornalismo e literatura están estreitamente vencellados. Un narra os feitos, a realidade, cinguíndose a unha estrutura e uns criterios marcados pola noticiabilidade; mentres que a outra permite abordar a escrita, quizais, con menos moldes e plasmar coas palabras escenarios reais ou ficticios. Non é de estrañar, polo tanto, que sexan moitos os xornalistas que decidan aventurarse na literatura”, manifestou a mandataria local, para quen este relato visibiliza unha situación pola que “tódalas persoas aquí presentes pasamos, en maior ou menor medida, ben sexa ocupando o rol de coidador ou o de paciente.”

Agora o público pode mergullarse nas páxinas deste testemuño sobre a enfermidade, que tamén se erixe como unha celebración da resistencia humana e da tenra relación entre unha filla e o seu pai, que convida a unha xornada de portas abertas á intimidade que eles dous construíron ao longo dos anos.

A propia escritora recoñeceu que esta peza xurdiu da experiencia propia; como unha maneira de canalizar a hospitalización longa de seu pai, polo que homenaxea a “a tódalas persoas que foron os nosos referentes e como, de maneira paulatina ou abrupta, cambia o papel.” Nas páxinas tamén se presenta un diálogo entre a adulta e a nena, polo que ten un carácter confesional ao tratar “un tema duro con moitísima esperanza e delicadeza”, segundo puntualizou o director de Xerais, para quen se plasman reflexións emocionais e intelectuais, ademais de erixirse este libro como “un canto universal á sanidade pública.”

As persoas asistentes á presentación levaron cadanseu exemplar de balde asinados pola autora.

O nome de Irene Lourido únese con esta obra ao de outros autores e autoras distinguidos en edicións previas do certame: As mellores intencións, de Begoña Paz; Vertixes, de Ignacio Silva; Orlando pendurado, de Goretti Fariña; Liña azul, de David Pobra; A cacería,
de Amadeo Cobas; Un home extraño, de Antonio Tizón; Celada, de Antonio Piñeiro; Lúa Nova, de Irene Montero; e O xogo de Escher, de Manuel Esteban Domínguez.

Rúbrica do convenio para a décimo primeira edición

Durante o acto, o Concello de Ribeira e a Editorial Xerais tamén reafirmaron a súa colaboración na continuidade deste certame asinando o convenio para o desenvolvemento da décimo primeira edición; un concurso literario que supón un premio de 3.000 euros, un diploma acreditativo e a publicación da obra. O acordo foi rubricado pola rexedora e o director da referida editorial.
“Unha mostra máis do compromiso desta Administración local coa cultura, concretamente, coa literatura, fomentando a creación literaria, enriquecendo o catálogo de libros en galego e erixindo este premio como un dos grandes referentes a nivel autonómico”, remarcou a alcaldesa.

Deja un comentario