● O documento, elaborado por unha empresa especializada, regula as condicións de seguridade, accesibilidade e organización do espazo festivo na contorna da praza de España
● O goberno municipal encargou en marzo senllos documentos para garantir o bo desenvolvemento deste tipo de eventos tanto en Teixeiro como en Curtis
O goberno municipal de Curtis levará ao pleno deste venres a aprobación dunha memoria técnica de seguridade para as festas de Teixeiro. O documento, elaborado por unha empresa especializada, establece unha serie de instrucións para os participantes nos festexos na contorna da praza de España, tanto feirantes como orquestras e postos de comida.
O documento enmárcase dentro do traballo do Concello de Curtis para que as festas de Teixeiro e Curtis conten con plans de seguridade actualizados. Neste caso, establece directrices, plans de tráfico, medidas de autoprotección, aforos e recomendacións técnicas incluídas, de obrigado cumprimento para todos os involucrados.
En canto á organización do espazo, a memoria estuda a localización dos escenarios, as atraccións, as barracas e os postos de comida, e esixe que en todo momento queden libres catro metros de paso para os vehículos de emerxencia. Así mesmo, o plan de emerxencia detalla como actuar ante un incendio, un accidente, unha evacuación ou calquera outra situación de risco.
Por outra banda, a memoria regula tamén as instalacións eléctricas e as atraccións de feira. Os encargados da subministración eléctrica da festa deberán acreditar a súa habilitación e presentar un boletín eléctrico, mentres que as atraccións deberán contar con certificados de instalación e estar vixiadas por monitores.
Coa aprobación desta memoria, o Concello de Curtis busca garantir a seguridade de todos os asistentes e, deste xeito, conseguir que nenos e maiores poidan desfrutar das festas con total tranquilidade.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.