A alcaldesa, Inés Rey, presidiu hoxe a Xunta Local para organizar os equipos cara o próximo 23 de xuño
O Concello reforzará a estratexia para reducir a cantidade de residuos xerados, mellorar os datos de reciclaxe e coordinar as actuacións de limpeza na mañá do 24
Máis de 600 efectivos integrarán o operativo de seguridade, coordinados desde o Centro de Mando Móvil na Coraza
A alcaldesa, Inés Rey, presidiu hoxe a Xunta Local para organizar o dispositivo especial de máis de 1.000 efectivos, entre persoal de seguridade, de organización e de limpeza para a festividade de San Xoán. O Concello xa publicou esta semana o bando municipal que especifica as directrices para a celebración e as normas xerais para o acendido de lumeiradas e a celebración de sardiñadas, churrascadas ou similares. Tamén acudiron á reunión a concelleira de Seguridade Cidadá, Montserrat Paz, a concelleira de Medio Ambiente, Yoya Neira, e representantes de todos os servizos involucrados.
“A de San Xoán é unha noite moi especial e cunha fonda tradición na cidade. É unha noite para pasalo ben. Pero non podemos esquecer que hai unhas normas básicas de seguridade e limpeza que todos e todas temos que cumprir. Os servizos municipais e de emerxencias velarán, como todos os anos, por un desenvolvemento tranquilo e farán unha vixilancia continuada”, subliñou a alcaldesa, Inés Rey.
Operativo de seguridade
O día 23 de xuño de 2026 pecharase a circulación no Paseo Marítimo na zona das praias de Riazor, O Orzán e O Matadoiro desde as 19.00 horas, e o baño estará prohibido a partir das 22.00, ata as 9.00 horas do día seguinte. Os servizos de seguridade e urxencias restablecerán o tráfico segundo evolucionen as previsións dos ditos servizos, e facúltase o director do Plan de autoprotección para modificar estes horarios se for necesario.
Os equipos tanto de seguridade como de emerxencias e sanitarios, que superarán as 600 persoas mobilizadas, organizaranse desde o Centro de Mando Móbil, localizado na Coraza.
Ademais, haberá dotacións de bombeiros repartidas pola contorna das praias e operativos en alerta desde o parque de Agrela para intervir en caso de ser necesario. Tamén haberá un grupo de rescate acuático con dúas embarcacións e un servizo especial de salvamento e socorrismo. Establécense catro rutas de evacuación dos centros hospitalarios para facilitar o desprazamento das ambulancias. Manteranse tamén servizos como o posto médico avanzado da Cruz Vermella.
Así mesmo, o acceso ás praias estará sinalizado con 12 bandeirolas, desde O Matadoiro ata As Escravas. Cortarase o acceso ao tráfico nas rúas Antonio Viñes, Emilia Pardo Bazán, San Xosé e San Xoán no momento en que a Policía Local considere necesario.
Nos días previos a San Xoán, habilitaranse dúas zonas na area para persoas con mobilidade reducida: unha na praia de Riazor (acceso máis próximo á Coiraza) e outra na praia de Oza. Estarán integradas por módulos de pasarelas de madeira, de forma que se permita o acceso ata esa zona desde o paseo cunha cadeira de rodas
Servizo de limpeza e mantemento
Os operativos reforzados de limpeza, integrados por máis de 300 efectivos, comezarán coa recollida de residuos nos areais e o Paseo Marítimo a partir das 6.00 horas do día 24, momento no que as praias deben quedar desaloxadas para restablecer as condicións para o seu uso común. Non obstante, ante calquera urxencia que poida xurdir, os servizos do Concello poden ordenar a evacuación obrigatoria da praia antes desta hora, baseándose en criterios de seguridade persoal e protección ambiental.
Ao mesmo tempo, haberá un dispositivo de limpeza nos barrios, con especial atención aos que rexistran máis afluencia nas celebracións veciñais, como Monte Alto, Vioño, Labañou, Os Castros, Os Rosales e o Barrio das Flores. Tamén para atender a limpeza de zonas como María Pita, a contorna de Emilia Pardo Bazán e o incremento da actividade de ocio na praza do Humor, praza da Fariña (Azcárraga), Cidade Vella ou Ángel Senra, entre outras áreas.
“É un momento inmellorable para demostrar que podemos seguir sendo a cidade das grandes festividades e eventos e, ao mesmo tempo, ser a cidade que coida os espazos públicos. Todos xuntos, servizos municipais e cidadanía, imos conseguir unha celebración exemplar, máis limpa e máis segura”, engadiu a alcaldesa.
A xestión dos residuos durante e despois da celebración é un dos puntos clave da estratexia do operativo municipal. Tal e como lembraba o bando, non se poderá acceder ás praias con envases de vidro, e os residuos deben depositarse nas zonas de recollida habilitadas nos accesos. En total, haberá habilitados 25 puntos de depósito de residuos equipados para o reciclaxe e separación en distintos contedores —21 en Riazor, no Orzán e no Matadoiro, sobre o paseo; 2 en Santo Amaro sobre a zona de estacionamento; 1 en Oza sobre a zona axardinada e 1 nas Lapas, na contorna do párking da Torre—.
Ademais, tamén se disporán outros 8 puntos de depósito fóra da contorna das praias —Emilia Pardo Bazán / praza de Vigo, praza Monforte, praza Elíptica, rúa San Xoán, As Lagoas, Praza da Fariña (Azcárraga), praza de España e Barrio das Flores—. Completarán o despregamento os 24 contedores de vidro que colocará Ecovidrio entre as contornas das praias e as prazas máis concorridas. Esta parte do operativo dispoñerá de 15 monitores que lles entregarán “rascas” con premios ás persoas que depositen envases. En total, sortearanse 3.000 entradas para o Aquapark de Cerceda.
Tamén haberá un reforzo de aseos portátiles, máis de 50 puntos que quedarán abertos desde a tarde do día 23 ata o 24 pola mañá e que serán regularmente limpados durante toda a noite polos equipos municipais.
Pola mañá, ademais da limpeza xeral, pasará un camión cisterna para apagar e refrescar os restos das cacharelas. Unha vez finalizados os traballos de retirada de residuos, tamén haberá un cribado dos areais. Despois da recollida, os residuos serán depositados nunha área específica habilitada na planta de Nostián.
Repartimento de madeira e restricións ás fogueiras e grelladas
A subministración de madeira comezará coa descarga dos seis tráilers mobilizados xa a partir da madrugada do día 23. Entre as 19.00 e as 23.00 horas, repartiranse 120 toneladas de leña para as lumeiradas nos 14 puntos de repartimento dispostos na contorna das praias (6 en Riazor, 6 no Orzán, 1 en Santo Amaro e 1 en Oza). Un equipo de 43 efectivos encargarase de completar o repartimento.
Como todos os anos, haberá restricións ás zonas nas que se poderá facer cacharelas, que incluirán prohibicións en puntos que se atopen preto de colectores, vehículos e outros elementos. Tampouco estará permitido o uso de combustibles líquidos nin de acelerantes para prender as cachelas. Está prohibido queimar plásticos, cauchos, rodas, colchóns, madeira lacada, goma espuma e outros obxectos que poidan producir gases tóxicos. Non se permitirá o acceso ás praias con mobles, con obxectos voluminosos nin con madeira que leve puntas ou cravos.
Nas zonas de exclusión non se poderá prender lume de ningún tipo. As ditas zonas son: a totalidade do trazado do oleoduto, e gasoduto de alta presión, o parque de Bens, incluíndo a praia de Bens, o Monte de San Pedro, os Xardíns de Méndez Núñez, os Xardíns de San Carlos, a praza das Bárbaras e a contorna da Torre de Hércules, incluído o merendeiro das Lapas e a praia das Lapas e as calas dos Moros e de Durmideiras, sen prexuízo de que os servizos de Seguridade poidan designar algunha outra zona baseándose en criterios de protección das persoas e os bens públicos.
En canto ás grellas e grelladas en diferentes puntos da cidade, deben manter unha distancia mínima de 10 metros de distancia ao tronco das árbores. As fogueiras deben situarse a un mínimo de 20 metros do arboredo, para evitar danos. Nas zonas de exclusión non se poderá prender lume de ningún tipo, mentres que nas zonas de especiais coidados o
Concello pode establecer limitacións. As zonas de especiais coidados son:
– Praza da Fariña (Azcárraga) (baixo o arboredo)
– San Pedro de Mezonzo (zona arborizada, cara á rolda de Nelle)
– Zona arborizada do Barrio das Flores
– Parque de Santa Margarita
– Zona arborizada fronte á estación de autobuses na rúa Cabaleiros
– Campo da Leña
– Campo de Marte
– Praza de Monforte
Transporte público
Co obxectivo de reducir a utilización de vehículos particulares, deseñouse un dispositivo especial de autobuses desde a praza de Pontevedra, que consistirá en lanzadeiras que ofrecerán unha frecuencia de 10 minutos cada unha e que realizarán a súa última saída da praza de Pontevedra ás 2.30 horas do día 24 de xuño.
Mediante este despregamento especial, comunicarase a contorna da praza de Pontevedra cos distintos barrios da cidade. Co obxecto de que resulte máis familiar a identificación do destino de cada unha das lanzadeiras, mantéñense os números das liñas e as súas denominacións, coincidentes con cada unha das zonas ás que lle prestan servizo. As liñas que estarán dispoñibles durante a noite de San Xoán serán: 1, 1A, 3, 3A, 6, 7, 11, 21 e 24.
A partir das 3.00 horas do día 24 de xuño, quedará en servizo o “Búho”, con saídas ás horas en punto e ás medias. O servizo das horas seguirá o itinerario habitual; o das medias farao en sentido inverso, é dicir, primeiro pasará polos Castros e logo continuará cara ao Castrillón. Realizarán a súa última saída ás 6.00 horas.
Puntos violeta
No bando tamén se establece Punto Violeta fixo localizado na zona central situada entre a Delegación de Facenda e o ambulatorio San Xosé e 3 puntos violeta itinerantes, que percorrerán todo o Paseo Marítimo, desde a zona das Escravas ata a fonte dos Surfeiros e os areais das praias do Orzán e Riazor.
Estes puntos son espazos seguros que lle ofrecen información á cidadanía en xeral e, se for o caso, asesoramento e atención psicolóxica ás persoas que sufran violencias machistas. Contarán con persoal especializado no ámbito da Psicoloxía. Con esta medida, o Concello da Coruña contribuirá a favorecer o gozo da Festa de San Xoán libre deste tipo de violencias. O horario de atención dos puntos será das 21.00 ás 5.00 horas da mañá.
Ademais, este ano se repartirán nos puntos violeta pulseras para detectar sustancias farmacolóxicas e previr o perigo de episodios de sumisión química e outros riscos.
Bando municipal
O bando municipal pódese consultar íntegro na web do Concello. No texto recóllense todas as condicións e normas específicas para a celebración de actividades como sardiñadas, churrascadas ou similares en espazos de titularidade pública, permitidas desde o venres 12 de xuño ata o luns 29 de xuño (ambos incluídos). Será preciso que as persoas interesadas presenten unha comunicación previa por escrito á Área de Seguridade Cidadá, cunha antelación mínima de 48 horas da realización da actividade, que se deberán realizar entre as 13.00 e as 16.00 horas e entre as 20.00 e as 00.00 horas.
Tal e como anunciou Inés Rey, este ano levarase a cabo unha proba piloto de reserva de espazos para lumeiradas na praia de Riazor. Terá lugar no treito de area entre As Escravas e o Playa Club e dividirase o espazo en parcelas. As entidades e asociacións que o desexen poderán solicitar o dito espazo e serán responsables da súa limpeza e coidado; terán que deixalo recollido ao abandonar a praia. En total, habilitaranse 56 parcelas de 6 metros cadrados. Todas as parcelas terán o mesmo tamaño e haberá espazos accesibles.
As asociacións da cidade (veciñais, sociais, culturais, deportivas…) poden solicitalas a través do Rexistro municipal. Adxudícanse por orde de entrada da solicitude.
Programación cultural
Ademais das celebracións do propio día 23, desde o 17 de xuño celebrarase nos diferentes barrios a Ruada das Xoubas, un programa de actuacións para todos os públicos que pasará por todos os barrios da cidade. Trátase dunha iniciativa de artes escénicas para todos os públicos formada por compañías vencelladas á Coruña e que percorrerá os distintos barrios con teatro, música, danza, maxia ou narración oral.
Cronograma de actuacións da Ruada das Xoubas:
Mércores 17 de xuño
Parque de Eirís
● 18:00h: Xogos populares
● 18:00h: Tigre de papel – Obradoiro de decoración de sardiñas
● 19:00h: Pérez & Fernández- Nanai da china
Xoves 18 de xuño
Praza Elíptica
● 18:30h: Assircópatas- Rogelio iii la fete
Parque de Oza
● 19.00h: A Cova das Letras- Costureiriña bonita
Venres 19 de xuño
Praza de Vigo
● 18:30h: Fantoches Baj- A viaxe feliz de Ramón Sanfiz
Praza de Azcárraga
● 19:00h: Caxoto (A trastenda dos contos)- Unha noite no muiño…
Sábado 20 de xuño
Praza dos Avós
● 18:30h- Títeres Alakrán- Pekeno Kabaret de Tolos
Novo Mesoiro (explanada do CCM)
● 19:00h – Maga Fani/Martín Camiña Ilusionista- 2 ilusionistas cos pés na rúa
Domingo 21 de xuño
Praza dos Mariñeiros
● 18:30h – Dani García- Flash!
Escalinata da Domus
● 19:00h- Os Náufragos Teatro- Hugo
Luns 22 de xuño
Praza Pablo Iglesias
● 18:30h: Brais das Hortas- Comisión de festas
Praza da Tolerancia
● 19:00h: Inma Soto- Sinfonía de contos. Nós tamén (queremos) navegar!
Martes 23 de xuño
Campo da Leña
● 11:00h: Xogos populares
● 11:00h: Tigre de papel – Obradoiro de decoración de sardiñas
● 11:00h: Taller de herbas de San Xoán
● 12:30h: Caramuxo Teatro




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.