A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e o concelleiro de Urbanismo e Vivenda, Iago Lestegás, anunciaron esta iniciativa novidosa, que se enmarca no Plan de medidas correctoras presentado canda a solicitude da Zona Residencial de Mercado Tensionado e para a que o Concello contará coa colaboración interinstitucional a través dunha proposta que formulará a través Consorcio. A adquisición farase mediante licitación pública.
A alcaldesa de Santiago anunciou este mércores que o Concello dedicará 3 millóns de euros á adquisición de edificios en desuso na cidade histórica para rehabilitalos e dedicalos ao uso de vivenda en alugueiro a prezo accesible. Así o avanzou nunha rolda de prensa co concelleiro de Urbanismo, Vivenda e Cidade Histórica, Iago Lestegás, quen explicou que esta acción forma parte do Plan específico de medidas correctoras aprobado como parte da declaración da cidade como zona de mercado residencial tensionado (ZMRT).
Goretti Sanmartín salientou a importancia das vías de colaboración interinstitucional para atallar o problema da vivenda e concretou que o Consorcio de Santiago constitúe un espazo para lograr a complicidade doutras administracións e teñen obxectivos coincidentes. Sanmartín Rei salientou a importancia das “vías de colaboración interinstitucional, que multiplican a capacidade de actuación en problemáticas como a da vivenda, mais que tamén son rendíbeis para abordaren outras cuestións”. “Temos a sorte de contar cun espazo como é o Consorcio onde se poden tratar este tipo de iniciativas e lograr, para o seu desenvolvemento, a complicidade doutras administracións comprometidas cos mesmos fins. Sempre tivemos claro que é necesario seguir coidando desta xoia e dándolle o pulo que merece desde todas as administracións que participamos”, engadiu.
Sanmartín Rei indicou que na próxima reunión deste organismo, o Concello trasladaralle unha proposta para “estabelecer un mecanismo de colaboración segundo o cal sexa o Consorcio o encargado de rehabilitar os edificios que o Concello adquira, cumprindo deste xeito cos obxectivos das dúas entidades”, unha proposta sobre a que aclarou que xa houbo contactos informais sobre esta cuestión e os obxectivos son concordantes. Unha vez rehabilitados, para o que se buscará esta colaboración, o Concello dedicará os edificios a vivendas e locais comerciais ou socioculturais en réxime de alugueiro a prezo accesíbeis.
Pola súa banda, Iago Lestegás lembrou que o goberno local vén desenvolvendo unha estratexia para ampliar a oferta residencial a través da rehabilitación, con acción coma a reactivación do Rexistro de Soares, a adxudicación por venda forzosa do inmoble en ruínas do número 33 da rúa do Espírito Santo ou rehabilitación de cinco edificios na rúa da Caramoniña para vivenda municipal en alugueiro, entre outras medidas.
Licitación pública
O responsable municipal de Vivenda concretou que a adquisición dos edificios, integrada na medida B2 do Plan de medidas correctoras da ZRMT, realizarase mediante licitación pública, respectando os principios de publicidade, concorrencia e igualdade.
Os edificios deberán estar situados no ámbito do Plan especial de protección e rehabilitación da cidade histórica, unha área de 175 hectáreas que abrangue os barrios históricos de San Pedro, San Roque, Basquiños, Sar, San Lourenzo ou Pelamios. Os inmobles deberán estar catalogados polo seu valor arquitectónico, en desuso, necesitados de obras de rehabilitación, e libres de cargas e gravames, entre outros requisitos que establecerá o prego no que está ultimando a concellería.
Partida procedente da adxudicación de parcelas
O concelleiro explicou que este investimento de tres millóns de euros é posible grazas á recente adxudicación de tres parcelas destinadas polo planeamento urbanístico ao uso de vivenda protexida, polas que o Concello ingresou 5,1 millóns de euros.
E lembrou que o alleamento desas parcelas acordouse cun dobre obxectivo: mobilizar solo para vivenda protexida de nova planta e obter ingresos para crear outras vivendas protexidas no centro da cidade a través da rehabilitación. Nas tres parcelas adxudicadas vanse construír 134 vivendas protexidas con cualificación permanente. “Deste xeito, teremos vivenda a prezos accesibles na periferia e no centro”, valorou Lestegás.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.