• “Non se trata de aprobar uns orzamentos para saír do paso, senón de sentar as bases do Culleredo dos próximos anos”, afirma a portavoz popular, Izaskun García
A portavoz do Partido Popular de Culleredo, Izaskun García, anunciou hoxe que o seu grupo participará activamente no proceso de diálogo aberto polo goberno municipal para a elaboración dos orzamentos, defendendo a necesidade de alcanzar o maior consenso político posible nunhas contas que considera “clave para o futuro de Culleredo”.
Para García, estes orzamentos teñen unha relevancia especial polo momento no que chegan: “Despois de máis de tres anos cos orzamentos prorrogados e ás portas dun novo mandato municipal, non estamos ante uns orzamentos calquera. Estamos ante os orzamentos que van acompañar o inicio do novo ciclo político que se abre en Culleredo”.
García lembra que o Partido Popular xa propuxo hai dous anos un acordo orzamentario baseado en tres condicións básicas para sacar a Culleredo da parálise e que foi o propio goberno local quen rexeitou aquela posibilidade. “Alégranos que agora cambiasen de opinión. Nós levamos anos defendendo que os grandes asuntos do concello deben abordarse desde o acordo. Se hoxe comparten esa visión, só podemos darlle a benvida ao consenso”, afirma.
A portavoz popular sinala ademais que o PP xa trasladou ao goberno municipal a súa disposición para participar neste proceso desde unha posición construtiva, solicitando previamente coñecer as liñas xerais do proxecto orzamentario, as previsións de investimento e as principais actuacións previstas para poder realizar unha valoración rigorosa e formular propostas fundamentadas.
Ao mesmo tempo, os populares consideran imprescindible que o proceso de negociación non se limite a unha relación de obras ou propostas, senón que incorpore garantías claras de cumprimento, seguimento e execución das actuacións que finalmente se acorden.
Desde o PP subliñan que as futuras contas deben servir para recuperar o tempo perdido tras anos de baixa execución de investimentos e proxectos pendentes. “Durante demasiado tempo os veciños escoitaron anuncios que non terminaban de facerse realidade. Actuacións como o paseo de Tenro Galván, a cuberta de As Brañas, o pavillón de Tarrío, o saneamento no rural, os aparcamentos e outros moitos investimentos seguen pendentes mentres pasan os anos e están aprobadas as partidas de diñeiro para executalas. Culleredo necesita abrir unha nova etapa baseada na xestión e na execución dos proxectos”, asegura García.
Os populares indican que defenderán un orzamento ambicioso en materia de investimentos, que permita responder a necesidades acumuladas durante os últimos anos e aproveitar a capacidade económica do Concello para transformar os recursos dispoñibles en melloras concretas para os veciños. “O importante é que os proxectos se executen e melloren a vida da xente. Ese debe ser o obxectivo de todos”, insiste García.
Para rematar, a portavoz popular reitera a disposición o seu grupo municipal a traballar para alcanzar acordos amplos en beneficio do concello: “Nós non buscamos un orzamento para xestionar o final dunha etapa nin para saír do paso, senón para sentar as bases do Culleredo dos próximos anos, o Culleredo que queremos construír. Por iso acudiremos a este proceso con propostas, con responsabilidade e con vontade de acordo”.


Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.