Wednesday 10 de June de 2026

O Concello avanza coa execución da estrutura do edificio de 50 novas vivendas de alugueiro social no barrio de Xuxán


A alcaldesa, Inés Rey, informou hoxe sobre o estado das obras de construción do inmoble, que suporán un investimento de 10,2 millóns

O Concello avanza coa folla de ruta do Plan Municipal de Vivenda 2024-2030, sustentada en piares como a creación de máis vivenda protexida, unha medida que permitirá, a medio prazo, habilitar 50 novas vivendas municipais en Xuxán, que se destinarán a alugueiros sociais.

A alcaldesa, Inés Rey, informou hoxe das últimas novidades con respecto ás obras de construción do edificio, que se está a executar na parcela Z-37 do barrio. Concretamente, a carón da rúa Cernadas, onde pouco a pouco xa está a ser visible a estrutura do futuro bloque residencial. Rey supervisou hoxe os avances nas obras.
“Estamos na fase final da execución da estrutura do edificio, que rematará, no seu conxunto, ao longo deste verán. Tamén se completaron as tarefas de albanelería nos sotos e iniciouse a súa execución na primeira planta de vivendas. Isto permitirá avanzar no desenvolvemento das seguintes unidades de obra e, posteriormente, a da envolvente do edificio”, destacou a rexedora, acompañada hoxe polo concelleiro de Economía e Planificación Estratéxica, José Manuel Lage, por Javier Sal, xerente da empresa construtora, Citanias, así como por persoal técnico da obra. Está previso que os traballos estean completamente rematados no ano 2027.

O Concello destina 10,2 millóns de investimento á construción destas 50 vivendas, dos que case unha cuarta parte proceden de fondos Next Generation acadados polo Estado. Outro dos aspectos destacados é que —unha quinta parte das vivendas serán adaptadas, cinco veces máis do mínimo estipulado pola normativa—. Haberá, ademais, 104 prazas de estacionamento nos sotos, das que 12 serán adaptadas para persoas con mobilidade reducida. Tamén se habilitarán 14 prazas de estacionamento para motocicleteas e espazos para patinetes eléctricos.

800 VPO máis na Coruña nos últimos cinco anos

Na visita a Xuxán, Inés Rey fixo fincapé na importancia de que A Coruña dispoña de máis vivenda protexida, que contrarreste o déficit de planificación e actuación evidenciado en décadas pasadas.
“Non nos cansaremos de repetilo: garantir o acceso a unha vivenda digna é un dereito constitucional. Vulnerar este dereito ou non facer uso das ferramentas necesarias para darlle cumprimento é esquecer por que somos representantes electos da cidadanía”, dixo.

Rey incidiu en que o Concello, dentro das súas posibilidades, está “a traballar arreo para mitigar unha realidade complexa que esixe unha maior coordinación e máis estreita colaboración entre todas as Administracións públicas implicadas, especialmente as que teñen competencias neste eido, como son a Xunta e o Estado”.

No seu momento, e ademais de poñer en marcha a ordenanza reguladora das VUT, o Concello deu un paso adiante para defender a declaración da zona residencial tensionada co obxectivo de conter a tendencia alcista nos prezos do alugueiro. “Loitamos pola súa entrada en vigor porque, no seu momento, e á vista dos datos recadados, era necesario poñer freo a unha realidade que devoraba, e sigue a devorar, a meirande parte dos ingresos das familias. E non só poñerlle freo, tamén tentar revertila e abrir canles de comunicación e información coa cidadanía para solventar as súas dúbidas”, precisou Rey. Isto é o que se está a facer a través da Oficina Municipal de Vivenda da EMVSA en Paseo de Rolda, que ofrece asesoramento gratuítamente ás persoas arrendatarias.
“Mais iso non é suficiente. Cómpre poñer unha marcha máis no referente á construción de máis vivenda pública, solventando os déficits de planificación que tiveron no pasado as Administracións competentes na materia. Ao longo deste mandato, o Concello mobilizou solo de titularidade municipal para facilitar novos desenvolvementos residenciais para a construción de vivenda protexida. Tamén impulsando liñas de axuda á rehabilitación de inmobles e axilizando as licenzas relativas a estas actuacións”, apuntou a alcaldesa, que estimou que, desde o ano 2022, na Coruña construíronse ou rehabilitáronse máis de 3.000 vivendas, das que máis de 800 son VPO. Moitas delas, en Xuxán.

Deja un comentario