Wednesday 10 de June de 2026

O Lustres Rivas acolle a presentación dun libro sobre os irmáns Fernández Sendón no 12 de xuño


 A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Barbanza promove esta cita coa colaboración do Concello de Ribeira

Unha nova cita literaria chega ao Centro Cultural Lustres Rivas da man da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Barbanza (CRMHB) coa colaboración do Concello de Ribeira. Trátase da presentación da obra Enrique e Manuel Fernández Sendón. Memoria, palabra e represión, escrita por X. L. Axeitos, Uxío Bobillo e Carlos Cimadevila, enmarcado na colección de Episodios Republicanos Barbanzáns.

O acto terá lugar no venres, 12 de xuño, ás 20.00 horas, coa participación da concelleira de Cultura, Ana Barreiro; o presidente da CRMHB, Carlos Cimadevila; un dos autores, Xosé Luís Axeitos; e o psiquiatra xubilado, Fidel Vidal.

Dito exemplar afonda na historia destes irmáns ribeirenses que destacaron pola súa labor política, literaria e sindical para seguir na senda de dignificar a memoria de todas aquelas persoas que loitaron pola defensa dos principios democráticos durante a Guerra Civil e a ditadura, como apuntaron o primeiro tenente de alcalde, Vicente Mariño; o presidente da CRMHB, Carlos Cimadevila; e o vogal da entidade, Xan Hermida.
“Dende o Concello de ribeira apoiamos as actividades dunha entidade nacida no 2012 cun ámbito de traballo comarcal que xa se traduciu en numerosas iniciativas, entre elas, en Ribeira coa presentación de varios libros sobre memoria histórica ou a colocación dunha peza de Soledad penalta no Malecón”, indicou o edil.

Pola súa parte, os representantes da CRMHB manifestaron que “este libro supón un exercicio de recuperación da memoria histórica e tamén da dignificación de dúas figuras castigadas pola represión franquista, nun contexto no que moitas veces foron silenciadas durante décadas. A obra reconstrúe as súas vivencias persoais, o compromiso republicano, o impacto da represión e a pegada cultural e humana que deixaron na sociedade galega.”

Deja un comentario