Wednesday 10 de June de 2026

O Concello avanza co plan de renovación do firme nas calzadas municipais, con próximas actuacións na Agra do Orzán e San Pedro de Visma


A nova quenda de traballos, que comezará ao longo desta semana, centrarase no Camiño do Pinar e a rúa do Barral

Ao longo desta semana, o Concello dará un novo pulo ao plan de renovación do firme nas calzadas municipais, unha medida promovida polo Executivo local co obxectivo de mellorar a mobilidade e a seguridade viaria no conxunto da cidade, dando resposta ás necesidades existentes nos dez distritos da Coruña.

Nesta nova quenda actuarase en dous deles: a Agra do Orzán e San Pedro de Visma. Tal e como informou esta mañá a concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, a previsión dos servizos municipais é que antes da fin de semana comecen os traballos no Camiño do Pinar e a rúa do Barral.

En total, asfaltarase unha superficie dun milleiro de metros cadrados entre ambas as rúas. A meirande parte, no Camiño do Pinar, que conecta a rúa Manuel Deschamps co Peruleiro. A rúa do Barral, pola súa banda, é un ramal clave para acceder á rotonda do Pavo Real desde o núcleo residencial de San Pedro de Visma.
“Cada actuación que executamos nace froito da análise técnica sobre o terreo e tamén da escoita activa nos encontros coa veciñanza. Iso é o que nos permite definir a nosa folla de ruta e ir avanzando, barrio a barrio, de forma progresiva”, explicou a edil. No caso das calzadas de titularidade municipal, Díaz lembrou que o Concello sustenta as súas intervencións en base a dous eixos: o primeiro, as quendas de bacheo que se executan cada semana, en puntos onde se detectan danos moi específicos no firme; e o segundo, as actuacións integrais de renovación do firme, executadas habitualmente en calzadas onde a circulación de vehículos é máis intensa e, polo tanto, a erosión dáse no conxunto dos carrís.

Ao longo deste ano, o Concello actuou en amplas superficies da calzada en rúas como Juan Flórez, a contorna de Casablanca (Os Castros), a rúa Posse (A Gaiteira), a rúa Regata Juan Sebastián Elcano (Durmideiras), a estrada da canceira de Bens, o paseo marítimo de San Roque e tamén no treito do paseo que conecta o Aquarium e a Torre de Hércules.

Deja un comentario