Wednesday 10 de June de 2026

O Concello de Frades licita por máis de 43.000 euros as obras de remodelación do parque infantil de Ponte Carreira


Instalarase un novo chan e un novo peche perimetral, ademais de substituír os xogos deteriorados e restaurar todos os demais

O Concello de Frades vén de licitar as obras de remodelación do parque infantil de Ponte Carreira, que suporán un investimento de máis de 43.000 euros e para os que se conta cunha achega do AGADER. “Trátase actuación integral de rehabilitación para mellorar as condicións de seguridade da área infantil máis grande do municipio”, explica o alcalde de Frades, Roberto Rey.

O alcalde adianta que “imos substituír os xogos máis deteriorados por modelos equivalentes e restaurar todos os demais. Tamén imos cambiar as losetas de caucho do chan por un novo pavimento e o valado de madeira por outro de módulos que garanta a seguridade da cativade pero que tamén sexa máis resistente ás condicións ambientais”.

Reparación dos xogos

Esta actuación é unha das máis demandadas pola veciñanza xa que varios dos elementos e a superficie do parque infantil presentan un estado de deterioro froito do seu uso e do paso do tempo, a pesar das actuacións de conservacións que se realizan todos os anos. Por iso, o Concello prevé substituír tres xogos por outros modelos equivalentes: un resorte individual inclusivo para nenos con diversidade funcional, un resorte múltiple de tres prazas con resortes independentes e un balancín tipo cabalo de dobre resorte. Ademais, substituirase a actual estrutura multixogo por outra novo con tres torres e estrutura esquelética de madeira laminada, tobogáns e, a maiores, plataformas, redes e barras metálicas.

O resto dos xogos do parque infantil serán restaurados in situ, en especial o tobogán con caseta de madeira e os columpios, onde as actuacións se centrarán na substitución e reparación das pezas deterioradas, axuste e reforzo de ancoraxes e verificación final da seguridade e funcionamento de cada xogo.

A maiores, cambiarase o valado de madeira actual, que presenta bastante zonas de deterioro, por un novo cerramento específico para áreas de xogo infantís, formado por módulos normalizados que garanten a seguridade perimetral e a durabilidade da instalación fronte ás condicións ambientais. Finalmente, executarase un pavimento continuo de caucho absorbente de impacto, con espesores adaptados ás alturas de caída dos xogos que cumpran cos requisitos esixidos pola normativa europea. Un sistema que se aplicará nas zonas de instalación dos xogos e na reparación da área da tiroliña. O resto das superficies cubriranse con céspede sintético decorativo.

As obras teñen un prazo de execución de nove meses e están financiadas con cargo a unha achega de preto de 95.000 euros do AGADER, a través dunha liña de axudas da Consellería de Medio Rural das destinadas á prestación de servizos básicos locais que impulsen tecido produtivo e a fixación de poboación en áreas rurais.

Deja un comentario