Wednesday 10 de June de 2026

O BNG esixe explicacións ao goberno ribeirense pola destrución con maquinaria pesada de hábitats protexidos na praia do Robalo en Aguiño


Antía Alberte: “É intolerable que o Concello de Ribeira arrase cunha escavadora un ecosistema protexido e declarado de valor ambiental”

O Bloque Nacionalista Galego de Ribeira esixe explicación ao goberno de María Sampedro pola destrución dun sistema dunar declarado de valor ambiental na Praia do Robalo en Aguiño. Segundo puido constatar a formación nacionalista, dende o pasado sábado 6 de xuño introduciuse maquinaria pesada no propio areal para realizar labores de esplanación, movemento indiscriminado de area e unha severa eliminación da vexetación dunar autóctona, localizándose estas graves alteracións preto do varadoiro e a carón do chiringuito da praia.

Estes feitos foron postos en coñecemento do Servizo de Protección da Natureza da Garda Civil (SEPRONA) pero as tarefas que realizaba a pá escavadora seguiron adiante até aplanar por completo toda la superficie protexida, convertendo un espazo natural singular e de riqueza biolóxica nunha chaira eliminando flora e fauna.

Unha agresión inaceptable contra hábitats de interese europeo e especies ameazadas

A gravidade desta intervención radica no valor ambiental excepcional do emprazamento, situado xusto fronte á illa de Sálvora e a moi curta distancia do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galiza. A área afectada pola maquinaria alberga diversos hábitats de interese europeo catalogados polo Plan Director da Rede Natura 2000 así como por lexislación ambiental que inclúe a pequenas dunas, flora e fauna.

Asemade, o espazo arrasado encádrase dentro da zona de presenza e a zona crítica da píllara das dunas (Charadrius alexandrinus), unha ave incluída no Catálogo Galego de Especies Ameazadas. A destrución deste fráxil ecosistema non só pon en perigo o éxito reprodutor desta ave, senón que supón o esnaquizamento do hábitat de aniñamento doutras especies como a lavandeira amarela e a desaparición física de exemplares de flora litoral de altísima fraxilidade, entre os que destacan a arenaria do mar ou herba de sal, a arxémona ou papoula marítima, o abrótano mariño, o cardo mariño, a cebola das gaivotas ou azuzena marítima e o alhelí marítimo, que resultaron completamente arrasados pola escavadora.

A concelleira do BNG en Ribeira, Antía Alberte, declarou que resulta absolutamente incomprensible e intolerable que sexa o propio Concello de Ribeira, a institución que ten a obriga principal de velar pola protección e o respecto ao noso patrimonio natural, o que actúe de costas á legalidade ambiental e meta escavadoras para destruír e aplanar un sistema dunar protexido sen ningún tipo de consideración nin respecto polos nosos valores biolóxicos.

Alberte engadiu ademais que “estamos a falar dunha agresión directa contra hábitats de interese europeo e contra un espazo esencial para a supervivencia de especies protexidas”. Esta actuación amosa unha alarmante falta de sensibilidade ambiental por parte do Partido Popular, polo que dende o BNG esixen transparencia absoluta, a asunción inmediata de responsabilidades políticas.

Exixencia de transparencia ante posibles sancións

Ante os danos ocasionados na praia do Robalo, o grupo municipal do BNG rexistrou unha batería de preguntas dirixidas ao goberno de Ribeira co fin de aclarar publicamente o acontecido así como a facilitar copia dos permisos que xustificaron a entrada da maquinaria pesada e a eliminación da duna, “xa que moito nos tememos que, por riba, esta actuación se fixo de xeito unilateral e sen contar coas preceptivas autorizacións por parte doutras administracións e entes da Xunta de Galiza que teñen competencias na zona”. A concelleira informou que esta temeridade non só supón un dano irreparable para a biodiversidade, senón que, ao terse executado seguramente sen ter os permisos autonómicos obrigatorios, expón ao Concello de Ribeira a unha sanción económica. “Unha vez máis, dunha xestión irresponsable do Partido Popular, a veciñanza de Ribeira pode acabar pagando do seu peto as consecuencias e as multas derivadas de actuar con total soberbia por riba das leis de protección ambiental, polo que dende o BNG esiximos a asunción inmediata de responsabilidades políticas”.

 

Deja un comentario