A quinta edición da BTT Concello de San Sadurniño, o terceiro Trail de Montaña e a andaina ambiental e xeolóxica guiada por Francisco Canosa darán forma este domingo 14 de xuño á xornada “Entre corredoiras, toxos e xestas”, unha cita non competitiva que leva trazas de consolidarse como referencia no calendario galego de actividades de deporte e natureza. A presentación da cita desenvolveuse no serán deste martes nun tramo recuperado do antigo Camiño Real ao seu paso polo castelo de Naraío, un dos lugares emblemáticos polos que transcorrerán os percorridos deste ano. Concello e Club Ciclista MTB Biela e Chaveta destacaron o valor dunha proposta que combina deporte, turismo sostible, posta en valor do territorio e recuperación da rede municipal de sendeiros, que permanecerá sinalizada e practicable durante todo o ano para o desfrute da veciñanza e das persoas visitantes.
O escenario escollido para presentar a xornada non foi casual. O antigo Camiño Real que pasa preto do castelo de Naraío constitúe unha das novidades máis destacadas desta edición e simboliza perfectamente o espírito de “Entre corredoiras, toxos e xestas”, que pretende ser unha escusa para descubrir e redescubrir o patrimonio natural e histórico do municipio mentres se practica deporte ao aire libre.
Na presentación informal -feita literalmente nunha corredoira entre toxos e xestas- participaron integrantes do Club Ciclista MTB Biela e Chaveta encabezados polo presidente, José Manuel Barro López, Capi, así como o concelleiro de Deportes, Manel Martínez Pérez, e a responsable de Participación Veciñal e Axenda 2030, Raquel Piñeiro López.
O presidente do club explicou que a intención vai máis alá da organización dunha simple proba deportiva, xa que tamén se quere “dar a coñecer a comarca -as probas longas tamén pasan por Moeche e As Somozas- cunha andaina, un trail e unha BTT”, comentou. Segundo indicou, tanto a carreira de montaña como a ruta ciclista ofrecen distintas distancias “para que a xente lle poida sacar o máximo proveito a este paraíso”. Unha das novidades deste ano será, precisamente, a incorporación do paso polo castelo de Naraío aos percorridos principais. “Era algo que nos faltaba. Así aumentamos algo máis a distancia nas probas medias e longas, aproveitando máis terreo para descubrir”, explicou Barro.
A filosofía das probas mantense fiel ao modelo das edicións anteriores. As persoas participantes poderán decidir durante o percorrido que distancia completar en función das súas sensacións e preparación física. “No momento en que saias podes ir á distancia que queiras. O teu físico ou o que queiras facer márcalo ti, non cho marca ninguén. Isto non é unha proba competitiva, é unha proba para desfrutar durante toda a mañá”, resume Capi.
Outro dos sinais de identidade da cita volverán ser os avituallamentos, que adoitan xuntar líquido isotónico, froita, doce para os azucres e incluso material máis contundente, xa que en anteriores edicións téñense servido callos e liscos. “Queremos que a xente desfrute da mañá, da paisaxe e tamén dos avituallamentos”, bromea Barro, sabedor de que a boa mantenza que nunca falla en San Sadurniño tamén é para moitas e moitos deportistas un aliciente máis para inscribirse na xornada.
Máis de 500 persoas no territorio
A organización agarda unha importante afluencia de participantes e acompañantes. As 50 prazas da andaina guiada xa están cubertas, mentres que o trail e a BTT ofrecen ata 250 dorsais cada unha, que poden reservarse até as dez da noite deste mércores.
Para o concelleiro de Deportes, Manel Martínez Pérez, a xornada constitúe “un día moi especial, case unha festa máis do concello”. O edil destacou que a colaboración co club permite ofrecer unha programación variada arredor da bicicleta, o trail e o sendeirismo, “que en conxunto poñen en valor a natureza de San Sadurniño”.
Martínez sinala, ademais, que a cita irá máis alá das persoas inscritas. “Moitas participantes traen familiares ou amizades e, ademais, hai un xantar posterior, polo que acaba converténdose nunha festa deportiva pero tamén de xuntanza”, sinalou.
O responsable municipal tamén incidiu nun dos obxectivos estratéxicos da iniciativa, que tamén pretende manter viva durante todo o ano a rede de rutas e sendeiros que sucan San Sadurniño. Segundo explicou, potenciar os espazos naturais mediante este tipo de actividades favorece que cada vez máis persoas visiten a zona tamén durante o outono e o inverno. “Iso axuda a manter limpas as rutas e que os sendeiros sexan practicables”, afirmou.
Un exemplo de colaboración entre Concello e tecido asociativo
Na mesma liña se pronunciou Raquel Piñeiro López, quen destacou tanto a dimensión deportiva como a turística e ambiental da proposta. “Para San Sadurniño, esta xornada ten unha innegable repercusión de promoción do deporte e do turismo, e é unha maneira de poñer en valor o territorio cunha proposta distinta, sempre tendo en conta a sostibilidade”, apuntou.
A concelleira puxo tamén o foco na colaboración entre administración e movemento asociativo. “O Concello facilita medios humanos e técnicos na medida das súas posibilidades, mentres que Biela e Chaveta pon o coñecemento, a experiencia e o traballo durante moitos meses para que todo saia perfecto. É un modelo de colaboración que funciona e que queremos seguir poñendo en práctica tanto con Biela como con outros colectivos”, destacou a concelleira.
Tres propostas para descubrir San Sadurniño
A xornada arrancará ás 08:30 horas coa saída da 5ª BTT Concello de San Sadurniño desde a Cortiña. As persoas participantes poderán escoller sobre a marcha entre tres percorridos circulares: un de 66 quilómetros e preto de 1.960 metros de desnivel acumulado, outro de 60 quilómetros e arredor de 1.850 metros de desnivel e unha opción máis curta de 28 quilómetros e 800 metros de desnivel. As rutas discorrerán por pistas e camiños forestais de San Sadurniño, Moeche e As Somozas.
Media hora máis tarde, ás 09:00 horas, tomarán a saída as persoas inscritas no 3º Trail de Montaña, tamén con tres alternativas: 27 quilómetros e 750 metros de desnivel, 24 quilómetros e 630 metros ou unha versión máis accesible de 12 quilómetros e 300 metros de desnivel.
Pola súa banda, a Andaina Concello de San Sadurniño, xa completa, ofrecerá unha experiencia diferente. Trátase dun percorrido de baixa dificultade guiado polo director científico do Xeoparque Cabo Ortegal, o xeólogo Francisco Canosa, quen achegará explicacións sobre os valores ambientais, culturais e xeolóxicos do territorio ao longo do itinerario.
As inscricións permanecerán abertas ata as 22:00h deste mércores, despois de que o Concello decidise ampliar até hoxe o prazo para anotarse no trail. Tamén será o último día para reservar a opción de xantar, cun prezo de 18 euros por persoa e de balde para menores de 12 anos. Os dorsais entregaranse desde as 08:15 horas no patio do CPI de San Sadurniño.
Segundo explicou José Manuel Barro, un dos mellores lugares para seguir as probas será a contorna do castelo de Naraío, onde estará instalado un dos avituallamentos. Os primeiros ciclistas prevese que cheguen arredor das 09:15 horas e os participantes do trail a partir das 10:30 horas, mantendo actividade constante na zona durante boa parte da mañá.
Toda a información sobre percorridos, perfís, desniveis, horarios, ligazóns ás inscricións e actividades complementarias pode consultarse na nova páxina web do club Biela e Chaveta, www.bielaechaveta.gal, onde tamén figuran as próximas citas do calendario deportivo deste ano: a Ruta dos Castelos para bicicletas de estrada, prevista para o 19 de xullo; a Cronoescalada Sanrockeira do 7 de agosto, que incorpora modalidade a pé; e a BTT Nocturna programada para o 2 de outubro.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.