Este plan consolida e introduce axustes en medidas que xa se puxeran en marcha no ano 2015
A Consellería de Política Social presentou o informe sobre o Plan Operativo de Inclusión Social 2015-2016, un documento que comprende, de xeito detallado e enmarcado nos diferentes obxectivos de inclusión social, as accións que se consideraron prioritarias para estes dous anos.
O Plan Operativo de Inclusión Social 2015-2016 consolida e introduce axustes en medidas e accións que xa se puxeran en marcha con anterioridade no ano 2015, buscando un maior impacto nos resultados. Ademais, incorpora accións de nova creación que constitúen respostas a obxectivos previstos na Estratexia de Inclusión Social de Galicia. Por outra banda, o Plan Operativo inclúe accións dirixidas a promover a mellora da calidade profesional e da atención ás persoas participantes, a través da formación do persoal de acompañamento técnico nos procesos de inclusión sociolaboral.
O documento comprende 305 accións orientadas a acadar os obxectivos previstos na Estratexia de Inclusión Social de Galicia e ademais, contén outras 50 accións dirixidas de xeito específico pero non exclusivo á poboación xitana en Galicia.
O POIS diferenza os obxectivos entre as prioridades transversais e as sectoriais. En canto as primeiras, estas abranguen a prevención da pobreza e a exclusión social, a loita contra a pobreza infantil, a consolidación e mellora dos procesos de coordinación e participación, a promoción da participación das entidades de iniciativa social, abordar e reducir as consecuencias da exclusión territorial, promover a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, xerar o coñecemento sobre a inclusión social en Galicia e difundir a estratexia de inclusión social de Galicia, así como promover a inclusión dixital das persoas en situación ou risco de exclusión social e o uso das TICS na intervención a prol da inclusión social.
As prioridades sectoriais céntranse en fomentar unha intervención de calidade dos servizos sociais na prevención e abordaxe integral das situacións persoais e familiares de pobreza, vulnerabilidades e exclusión social; atender de xeito específico e complementario os factores de exclusión social que presentan determinadas persoas ou grupos vulnerables para acadar a súa plena inclusión social; garantir uns ingresos mínimos vinculados á activación sociolaboral; favorecer a inserción laboral nun mercado de traballo inclusivo; promover o acceso á educación e á formación previndo o fracaso escolar e aumentando os niveis de competencias; promover a inclusión social e a empregabilidade mediante estratexias de cualificación a través de recursos educativos e de formación para o emprego e da aprendizaxe permanente; favorecer a inclusión social a través da atención e do coidado da saúde; e mellorar o acceso á vivenda como aspecto clave na inclusión social.
A Dirección Xeral de Inclusión Social contou con todos os departamentos da Xunta de Galicia implicados no desenvolvemento da Estratexia de Inclusión Social de Galicia 2014-2020 coa finalidade de obter a información sobre as medidas que están a levar a cabo neste bienio.
Estratexia de Inclusión Social de Galicia
O 18 de decembro de 2014 o Consello da Xunta aprobou a Estratexia de Inclusión Social de Galicia (EIS Galicia), que constitúe o marco de planificación das prioridades, obxectivos e medidas que se levarán a cabo na nosa comunidade autónoma en materia de loita contra a pobreza e a exclusión social no período 2014-2020.
A estrutura a EIS Galicia 2014-2020 asume o enfoque da inclusión social activa, promovido dende os diferentes marcos de traballo da Unión Europea e que vertebra tamén o Plan Nacional de Inclusión Social do Reino de España 2013-2016. Este enfoque está integrado por tres eixos que combinan a garantía de acceso a uns ingresos mínimos vinculados; as políticas activas favorecedoras dun mercado laboral máis inclusivo cara as persoas con maiores dificultades de acceso; e o acceso a uns servizos de calidade, para a abordaxe multidimensional do fenómeno da pobreza e a exclusión social.
A EIS comprende 16 prioridades estratéxicas, 56 obxectivos específicos e 238 medidas dirixidas a abordar as situacións persoais e familiares de vulnerabilidade, pobreza e exclusión social, e a procurar os apoios precisos para que as persoas destinatarias acaden a súa inclusión social e laboral.
A EIS Galicia 2014-2020 prevé na súa formulación o seu desenvolvemento a través de Plans Operativos de Inclusión Social bianuais, para posibilitar que se concreten a máis curto prazo as accións que se van desenvolver para acadar os obxectivos previstos.