Inés Rey reivindica a memoria das mulleres silenciadas e destaca a tradición feminista e democrática da Coruña
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, inaugurou esta tarde na Casa Museo Casares Quiroga a exposición “Ninguén falou delas. O Patronato de Protección á Muller e a súa Xunta Provincial da Coruña”, unha mostra que recupera a memoria das superviventes dunha institución franquista que durante décadas perseguiu, internou e maltratou a mulleres que non se axustaban á moral imposta polo réxime.
No acto participou tamén a investigadora e documentalista da exposición, Belén López Cillero, encargada de presentar os contidos dunha mostra que busca rescatar do esquecemento as experiencias e vivencias das mulleres que pasaron polo Patronato.
Durante a súa intervención, a alcaldesa destacou a importancia de recuperar estas historias para construír unha memoria democrática máis completa e xusta. “Estamos a falar de mulleres que durante demasiado tempo permaneceron invisibles para a historia oficial”, sinalou Rey, quen lembrou que as superviventes do Patronato sufriron “unha dobre inxustiza: a da represión e a do esquecemento”. A rexedora subliñou que a exposición responde á necesidade de “recoñecer ás vítimas e facer visible aquilo que durante demasiado tempo permaneceu oculto”, ao tempo que reivindicou o papel das mulleres na construción da sociedade coruñesa e galega: “Non hai cultura democrática posible se deixamos fóra a metade da sociedade”, afirmou.
A alcaldesa lembrou tamén a tradición obreira e feminista da cidade, desde as mobilizacións das cigarreiras ata a primeira folga xeral galega, da que este ano se cumpren 125 anos. “Os dereitos e as liberdades dos que hoxe gozamos non foron unha concesión: foron unha conquista”, destacou.
No remate da súa intervención, Rey reivindicou a necesidade de seguir dando voz ás mulleres que foron silenciadas pola historia. “Se durante moito tempo, como dicía Virginia Woolf, anónimo era unha muller, o noso deber hoxe é poñerlle nome, voz e memoria”, concluíu. A exposición poderá visitarse na Casa Museo Casares Quiroga e propón un percorrido documental e histórico arredor do Patronato de Protección á Muller, contribuíndo á recuperación dunha parte da memoria democrática que durante décadas permaneceu oculta.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.