Tuesday 09 de June de 2026

O BNG reclama abordar con rigor os temas pendentes de Culleredo antes de negociar o orzamento


• O BNG recibiu un convite do Goberno municipal para abordar o orzamento de 2026.

• Os nacionalistas amosan disposición a colaborar, mais reclaman tratar con rigor os asuntos pendentes do Concello.

• Levan presentando propostas e iniciativas desde o inicio do mandato.

• Denuncian a falla de xestión do Goberno de Rioboo malia dispoñer de recursos económicos históricos.

O BNG de Culleredo trasladou á Concelleira de Facenda a súa disposición a manter reunións para abordar o orzamento municipal de 2026, mais consideran que esa negociación non pode facerse de maneira illada, sen afrontar ao mesmo tempo os numerosos asuntos pendentes que afectan á veciñanza de Culleredo.

Os nacionalistas lembran que levan realizando propostas e iniciativas en practicamente todos os plenos desde o inicio do mandato en agosto de 2023, co obxectivo de dar solución a problemas concretos do municipio. Neste sentido, consideran que o debate orzamentario debe servir para definir prioridades políticas e compromisos reais, e non limitarse a unha operación de imaxe.

Desde o BNG critican tamén a falla de seriedade do alcalde, José Ramón Rioboo, por anunciar na prensa e en reunións veciñais a presentación dun orzamento antes mesmo de trasladarllo aos grupos da oposición. Con todo, aseguran que farán todos os esforzos necesarios para que Culleredo conte cun orzamento útil para resolver os problemas que afectan á veciñanza.

Entre as cuestións que o BNG considera imprescindibles abordar están a situación do Centro de Día de Celas, despois de que o Goberno Municipal asegurase por escrito que o edificio non cumpría as condicións necesarias malia anunciar agora a súa posta en funcionamento; o bloqueo do ARI da Fonte da Balsa tres anos despois da súa aprobación en pleno; ou a paralización de investimentos comprometidos como o pavillón de Tarrío, o tellado do conservatorio ou a reforma da ponte de madeira sobre a vía do tren na Cros.

Os nacionalistas denuncian que a ausencia de avances non responde á falta de recursos económicos, senón á incapacidade de xestión do Goberno municipal. Lembran que Culleredo contou nos últimos anos con fondos procedentes do POS da Deputación, fondos europeos, os maiores orzamentos da historia recente do Concello e mesmo un modificativo de crédito de oito millóns de euros aprobado en novembro de 2025 con numerosas propostas impulsadas polo BNG.

Tamén reclaman a elaboración dun Plan Estratéxico de Subvencións e dun Plan Anual de Contratación, ambos obrigatorios por lei e necesarios para mellorar a planificación municipal, normalizar os contratos de servizos e optimizar os recursos públicos.

Do mesmo xeito, o BNG insiste na necesidade dun plan integral de mantemento de edificios públicos, centros educativos, beirarrúas e viais, lembrando que xa existe consignación económica para iso a proposta dos nacionalistas no último modificativo de crédito.

Outra das cuestións que consideran prioritarias é a situación dos bens municipais do CLT, como o aparcadoiro, a báscula ou distintos edificios que continúan sendo explotados sen concesión administrativa. Tamén esixen explicacións polo deterioro das instalacións da Garrocha e polo intento do Goberno municipal de devolver á Deputación máis de 70.000 metros cadrados de terreos e instalacións.

O BNG reclama igualmente solucións para outros conflitos pendentes, como a situación das persoas afectadas pola operación urbanística do solar fronte á igrexa de Vilaboa, a actividade da hípica de Sésamo ou o incumprimento dunha sentenza firme relativa á retirada da terraza dun establecemento hostaleiro.

Os nacionalistas lembran ademais que xa presentaran máis de cincuenta medidas como base para negociar o Pleno de Organización ao inicio do mandato, mais denuncian que o Goberno municipal preferiu “desprezar as propostas políticas” e alcanzar un acordo co PP centrado exclusivamente na repartición de cargos e salarios.

Para o BNG, a situación actual evidencia a necesidade dun cambio profundo na maneira de gobernar Culleredo. “A veciñanza non pode permitirse perder outro ano máis por culpa dun goberno sen rumbo nin capacidade de xestión. Culleredo precisa prioridades claras, planificación e vontade política para resolver os problemas reais da xente”, conclúen os nacionalistas.

Deja un comentario