A alcaldesa, Inés Rey, visitou hoxe a cancha, onde se executaron melloras no pavimento, equipamentos de xogo, iluminación e peche perimetral
O Concello avanza coa folla de ruta da primeira fase do Plan de Barrios 2025-27, sumando unha nova actuación de mellora na Falperra, onde xa se executaron os traballos executados na pista deportiva ao longo das últimas semanas.
A alcaldesa, Inés Rey, visitou hoxe a cancha, un equipamento público concibido para fomentar a práctica deportiva ao aire libre, que, ademais, tamén é un dos principais núcleos de convivencia e interrelación social do barrio. “Desde hai décadas, a cancha da Falperra forma parte da memoria e as lembranzas colectivas de xeracións de veciñas e veciños que medraron aquí, xogando ao fútbol na rúa e tamén ao baloncesto”, precisou a rexedora.
Agora, o Concello vén de rematar as obras para acondicionar e modernizar a pista. As tarefas incluíron a execución dun novo muro, a renovación do sistema de iluminación, a instalación de novas canastras, a mellora do pavimento deportivo mediante aplicación de
resinas específicas e a renovación do pechamento perimetral da pista.
Un novo mural artístico que rende homenaxe ao Real Club Deportivo
En paralelo aos traballos na pista, e coa colaboración desinteresada dun grupo de artistas —entre os que hai veciños do barrio—, nun dos laterais da cancha pintouse un novo mural artístico en homenaxe ao Real Club Deportivo. A súa elaboración concretouse nos días previos ao partido que rubricou o ascenso do conxunto branquiazul á Primeira División, fronte ao Valladolid, o 24 de maio.
“Este mural simboliza moitas cousas. A primeira, o sentimento deportivista latente no conxunto da cidade, tan vivo como está nos nosos barrios. Accións como esta, que chegan coa implicación da veciñanza, non só redondean obras de mellora nos barrios, senón que tamén contribúen a coidar a identidade da nosa cidade e a espallar a paixón polo Dépor rúa a rúa”, expuxo a alcaldesa.
Rey apuntou que, “a día de hoxe, seguramente moito máis que antes, a industria do fútbol é global. Por iso é tan bonito e tan importante que na Coruña esteamos a carón do principal club da cidade, e que as novas xeracións, con moitas nenas e nenos que viron ao Dépor sufrir e emerxer desde a Primeira Federación, estén tan volcadas coas súas cores xa desde idades temperás”.
A alcaldesa, acompañada hoxe por Carlos Ballesta, conselleiro delegado do Real Club Deportivo, Jaime Suárez, presidente da AAVV da Falperra, e por Marcos Lamas, un dos artistas que elaboraron o mural, fixo referencia a exemplos existentes no mundo de como os traballos artísticos a pé de rúa contribúen a preservar a identidade e historia dunha cidade.
No eido deportivo, por exemplo, Liverpool e Nápoles, onde o fútbol é case unha relixión.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.