Tuesday 09 de June de 2026

A Xunta completa a entrega ao concello de Betanzos a obra de mellora do abastecemento no municipio


Cun investimento total de 1,8 millóns de euros, os traballos executados optimizan o funcionamento da planta e a produción de auga potable coa calidade e cantidade necesarias para dar servizo a máis de 15.600 persoas

A Xunta, a través do organismo hidráulico Augas de Galicia, acaba de entregar ao Concello de Betanzos a obra correspondente á Fase 1 da Mellora do sistema de abastecemento do municipio, unha vez completados os traballos proxectados para garantir á veciñanza un servizo de auga potable de calidade.
Cun investimento total de 1,8 millóns de euros —con financiamento europeo a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER)—, as obras executáronse no marco dun convenio de colaboración asinado entre a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático e o Goberno municipal, que cofinanciaron a execución da actuación.
Cómpre lembrar que esta intervención xorde en resposta ás limitacións da Estación de tratamento de auga potable (ETAP) do Couto, que abastece á práctica totalidade do municipio. Como solución, optouse por acometer a modernización e ampliación da planta, aproveitando na medida do posible as instalacións existentes para facela máis robusta ante episodios de auga turbia e aumentar a súa capacidade de tratamento.
En concreto, incorporáronse novos procesos para preparar mellor a auga antes de filtrala, separar as partículas en suspensión, bombeala auga xa clarificada cara aos filtros e mellorar a filtración final. Co proxecto executado acadarase unha produción máxima de 417 m³/h, fronte aos 170 m³/h reais que se viñan conseguindo como máximo.
As obras, completadas recentemente, foron recibidas e entregadas esta mañá ao Concello de Betanzos, que a partir de agora asume a explotación, mantemento e conservación das novas infraestruturas, que darán servizo a unha poboación duns 15.612 habitantes equivalentes (sumando a poboación real do municipio e a estacional, así como as necesidades da industria e do comercio da zona).

Deja un comentario