● A Xunta de Galicia cofinanciou os traballos de rehabilitación
● O novo espazo público converterase nun centro multiusos e incorporará unha ampla zona verde
O Concello de Curtis recibiu este martes a visita do conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e a directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto. Xunto co alcalde de Curtis, Javier Caínzos, visitaron a rehabilitación da Casa Indiana de Curtis, un inmoble renovado con financiamento do Fondo da Xunta de Galicia.
A vivenda obxecto da actuación é unha casa indiana localizada na rúa Mestre Eduardo Fariña (fronte á Carballeira) que se destinará a diversos servizos públicos. En concreto, albergará oficinas de atención ao cidadán, servizos sociais, emprego ou formación, e tamén acollerá actividades municipais.
A intervención está practicamente finalizada, a falta de culminar as conexións de auga e electricidade e de incorporar o mobiliario. O Concello adquirira esta vivenda, que inclúe unha parcela de 16.000 metros cadrados, para dotar de maiores espazos públicos á localidade de Curtis e así satisfacer a elevada demanda de servizos e actividades dos seus veciños e veciñas.
En total, o investimento da reforma ascendeu a uns 785.000 euros, un orzamento que inclúe a recuperación dun inmoble de interese histórico e a súa recuperación para os habitantes de Curtis. Ademais do propio edificio, abrirase unha ampla zona verde con equipamentos deportivos de 11.000 metros cadrados, quedando unha parcela restante de 5.000 metros cadrados que se destinará a infraestruturas de uso social.
O conselleiro destacou a aportación da Conselleria de Presidencia que colaborou con 48.000 euros a través dun convenio. Con este orzamento instalouse un sistema centralizado de calefacción, o que permitirá prestar os servizos municipais “nas mellores condicións tanto para o persoal como para as persoas usuarias”, destacou Calvo.
Pola súa parte, o alcalde agradeceu “a colaboración e implicación do Goberno galego” cos proxectos do Concello de Curtis, e subliñou “a importancia que terá a Casa Indiana, posto que se converterá nun punto de referencia para o Pobo de Curtis onde se poderán facer trámites adminitrativos e organizar todo tipo de xestions e actividades”.
REPINTADO DOS PAVILLÓNS E COLABORACIÓN EN FISTEUS
A visita tamén incluíu outras paradas, como o polideportivo de Curtis, onde Calvo e Caínzos comprobaron o resultado do repintado das pistas. Neste caso, o investimento foi duns 50.000 euros, dos que a Xunta aportou o 70% e o Concello, o 30%. Así mesmo, acudiron ao local da asociación veciñal de Santa María de Fisteus, que mercou unha bomba de calor, electrodomésticos e diversos equipamentos grazas a unha axuda da Xunta de 5.000 euros.
Por último, o conselleiro e o alcalde acudiron á feira de Curtis, un mercado emblemático que se celebra os días 9 e 23 de cada mes. No mercado puideron conversar coa veciñanza e degustar unha tapa de polbo.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.