O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, pechou hoxe en Pontevedra a xornada organizada pola UNED sobre estratexias e ferramentas para a busca de oportunidades formativas e profesionais na UE
O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, pechou en Pontevedra a xornada organizada pola UNED sobre estratexias e ferramentas para a busca de oportunidades formativas e profesionais na Unión Europa.
Marnotes informou neste foro das liñas de axudas e programas específicos cos que conta o Goberno galego para apoiar o acceso a un emprego da mocidade. Neste senso, explicou, en primeiro lugar, que a Axenda 20 para o Emprego, a nova planificación da Xunta en materia laboral, inclúe para este fin diversas liñas de axudas por valor de 12,7 millóns de euros. Entre os diferentes apoios, resaltou os destinados aos autónomos e os incentivos á contratación.
O director xeral, en segundo lugar, fixo fincapé nos programas específicos que a Xunta pon a disposición dos máis novos para axudalos a atopar un emprego e que tamén se enmarcan na Axenda 20. Resaltou a posta en marcha proximamente das Lanzadeiras de Emprego, unha iniciativa de fomento do emprendemento e autoemprego, que se levará a cabo coa Fundación Santa María La Real e co apoio da Fundación Telefónica a través dun convenio de colaboración.
Esta actuación axudará aos mozos e mozas galegos sen emprego a posicionarse mellor no mercado de traballo ofrecéndolles reforzar as súas competencias e descubrir novas habilidades para obter un posto laboral ou desenvolver o seu propio proxecto empresarial.
Outros dos programas aos que se referiu o director xeral foron as Unidades de Formación na Empresa para impulsar a especialización e capacitación co compromiso de contratación e os Programas Integrados de Emprego que combinan información, orientación e asesoramento, formación e prácticas laborais. Así mesmo, indicou que a Xunta conta con 56 técnicos de orientación ou titores que deseñan itinerarios de emprego específicos para a mocidade.
Por último, Marnotes indicou que todos estes programas foron deseñados tendo en conta os perfís que demandan as empresas e as necesidades da Industria 4.0 no que a formación profesional se refire.