Neda volve ser neste 2026 un dos 20 municipios galegos nos que se desenvolverá o proxecto Aloumiños, destinado a favorecer as relacións socias e mellorar o benestar físico e emocional da poboación maior. A iniciativa botará a andar este xoves con encontros veciñais en Viladonelle e no núcleo urbano para contactar coas persoas interesadas en sumarse aos grupos e participar nas actividades.
O proxecto, xurdido da colaboración entre o Colexio de educadores e educadoras sociais e o Sergas, conta co apoio municipal e busca crear espazos de encontro para mellorar o benestar asociado ás relacións interpersoais e ao apoio social. Un segundo obxectivo é contribuír a mellorar a saúde física e mental da poboación, mediante a intervención sociocomunitaria.
Dende o Concello anímase á veciñanza, especialmente nedenses de 65 anos en diante, a participar nas primeiras reunións fixadas para este xoves, 11 de xuño, tanto no local social de Viladonelle (10:30 horas) como na Casa da Cultura (12:00 horas)
Estes encontros servirán para falar das actividades semanais que se desenvolverán semanalmente ata o mes de outubro–pequenas andainas, actividades culturais e de lecer, obradoiros sociosanitarios…- así como para que a xente interesada se coñeza e se apunte.
Aquelas persoas que non poidan asistir aos almorzos, pero desexen ter información ou queiran participar en Aloumiños, poden chamar ao 694314517.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.