Tuesday 09 de June de 2026

O alcalde e o concelleiro de Innovación visitan o IES Monte Neme para apoiar a súa oferta formativa e poñer en común o éxito dos ciclos compartidos


O Concello de Carballo colabora de forma estreita co centro cedendo as instalacións municipais do Fórum onde se imparten as especialidades de Cociña e Soldadura

O alcalde de Carballo, Daniel Pérez, e o concelleiro de Innovación, Iván Andrade, realizaron o luns pola tarde unha visita ao IES Monte Neme aproveitando a xornada de portas abertas no centro. O encontro serviu para apoiar o labor educativo do centro, coincidindo coa proxección da súa oferta formativa e as súas xornadas de difusión. Os representantes municipais destacaron o bo funcionamento do modelo de colaboración implantado este curso.
A alianza estratéxica entre o Concello e o instituto permite resolver as limitacións de espazo e ofrecer unha formación de máxima calidade. Froito deste acordo, dous dos ciclos incluídos no catálogo do IES Monte Neme impártense directamente en instalacións municipais cedidas para tal fin: o grao básico de Cociña e Restauración e o grao medio de Soldadura e Caldeiraría.
Estas dependencias municipais acollen a unha trintena de mozos e mozas que atopan nesta formación dual intensiva unha saída laboral directa e adaptada ás necesidades reais do tecido empresarial da comarca, atendendo as demandas de colectivos como a asociación de empresarios Axober. Baixo este modelo de cooperación, o Concello de Carballo asume os gastos de funcionamento (conserxería, limpeza, electricidade ou auga), mentres que a Consellería faise cargo dos custos de profesorado e materiais.

Deja un comentario