O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, en representación da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, participou hoxe no Encontro Profesional da Exhibición Cinematográfica, que reuniu na sede da Filmoteca de Galicia, na Coruña, os titulares e representantes das principais salas de cinema galegas. A cita, deseñada como parte do programa da Xunta para a capacitación e intercambio audiovisual Galicia ProFilme, estivo conducida por Olimpia Pont Cháfer, consultora internacional cunha ampla experiencia vinculada á programación e circulación de proxectos audiovisuais e actual coordinadora da Asociación de Distribuidores Independentes Cinematográficos.
Na xornada interviñeron representantes de sete compañías (Galicine, Ciproga, Grupo Vázquez, Cine Donde No Hay, Cine Caldas, Numax e Ruta de Comunicaciones), que agrupan 16 cines e un total de 74 pantallas en toda a xeografía galega. Abordáronse asuntos como a defensa da experiencia colectiva do visionado en sala, a fidelización de públicos e atracción de novas audiencias, propostas para a mellora da comunicación e posibles accións colectivas, así como ideas para as liñas de apoio económico por parte das administracións.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.