Tuesday 09 de June de 2026

O Concello de Boqueixón logra 120.000 euros da Xunta para mellorar a rede viaria do polígono empresarial Camporrapado


O Concello de Boqueixón vén de conseguir unha axuda de 120.000 euros da Consellería de Economía e Industria para a mellora da rede viaria de acceso ao polígono empresarial de Camporrapado. Unha actuación que inclúe o fresado previo do firme sobre unha superficie de 2.185 metros cadrados, tras o que se procederá a reparar os baches con grava e tratamento asfáltico semiprofundo. A actuación completarase cun aglomerado en quente da estrada.

A maiores, o Concello ancheará o viario nunha superficie de 160 metros cadrados. Así mesmo, para a correcta recollida das augas pluviais, executarase unha rígola de formigón de 20 centímetros e colocaranse 415 metros de tubaxe cos correspondentes pozos de rexistro e arquetas con sumidoiro. Sobre esta canalización construirase unha cuneta de seguridade para o tránsito de peóns. As obras inclúen o pintado da sinalización horizontal e a instalación de dous sinais de stop.

Esta actuación súmase aos traballos realizados a finais de 2025, nos que Concello e Xunta investiron outros 60.000 euros para a mellora de varios camiños que rodean ao polígono empresarial tamén en aglomerado en quente de 5 centímetros e a construción dunha senda peonil de case 200 metros de longo por 1,8 metros de ancho para mellorar a seguridade dos peóns. Previamente, en 2022, Concello e Xunta investiran outros 150.000 euros na preconexión á rede de saneamento municipal das propiedades anexas e o fresado dos entronques coa AC-960.

Deja un comentario