O investimento da Xunta no curso celebrado en Arteixo foi de 112.141 euros
O delegado territorial da Xunta na Coruña, Diego Calvo, asistiu ao acto de entrega de diplomas aos participantes no Programa Integrado de Emprego que, financiado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria cun total de 112.141 euros, desenvolveuse en Arteixo baixo o nome de “Arteixo Integra”.
“A boa noticia deste día é que moitos dos participantes non poden asistir a este acto porque xa están traballando”, indicou Calvo ao inicio da súa intervención, xa que, segundo explicaron desde o Concello, “a tasa de inserción laboral supera o 50%”.
Ante estas cifras, o delegado territorial insistiu nos obxectivos destes programas de formación, que buscan a mellora da ocupabilidade nos municipios galegos e a inserción laboral das persoas traballadoras en situación de desemprego. Por este motivo, engadiu, é moi importante a elección das especialidades específicas que se imparten en cada lugar, xa que hai que ter en contar as características do mercado laboral.
No caso de Arteixo, noventa persoas (35 mulleres, 35 menores de 30 anos e 20 desempregados de longa duración) tiveron acceso a sesións de atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais, caixeiro-reponedor, cociña, monitor de comedor/transporte escolar, e operario de almacén.
Ademais, esta formación específica combinouse con outras accións transversais como o fomento do emprendemento, a información e motivación na procura de emprego, a confección dun curriculum, a realización dun módulo de prevención de riscos laborais, prácticas en empresas ou un curso de manipulador de alimentos e pescado.
Isto supón que todos os participantes se benefician do deseño dun itinerario integral e individual segundo cada caso, cuestión que tamén resaltou esta mañá Diego Calvo para falar da “forte aposta da Xunta de Galicia polos Programas Integrados como ferramenta para a mellora de empregabilidade e a inserción dos traballadores desempregados”.
A Consellería de Economía, Emprego e Industria publicou xa a convocatoria de axudas para este ano, cun orzamento de 3 millóns de euros e destinado a 1.600 persoas.