• A axuda ascende a 20.000 euros, máis do dobre que en 2025, e sitúa a Miño entre os tres únicos municipios galegos beneficiarios desta convocatoria
O Ministerio de Cultura concedeu, por segundo ano consecutivo, unha subvención para a promoción da lectura e as letras españolas á Feira de Cultura En Camiño. A axuda, que ascende a 20.000 euros, máis do dobre que na edición anterior, supón un importante apoio para impulsar este proxecto.
Nesta convocatoria resultaron beneficiarios 99 concellos de toda España, dos cales só tres son galegos. Ademais, o proxecto presentado obtivo unha valoración de 59 puntos, fronte aos 54 logrados en 2025. Este ano valorouse especialmente a orixinalidade da proposta e o seu impacto no fomento da lectura entre a poboación infantil, adolescente e nova e entre grupos de atención preferente.
A programación da V edición da Feira continuará achegando a lectura e os libros a diferentes sectores da poboación. Así, o próximo 16 de xuño, as persoas usuarias do Centro de Día da Regueira desfrutarán do espectáculo ‘A maxia dous libros’, a cargo do Mago Errante.
Posteriormente, durante a primeira quincena de xullo, as accións trasladaranse aos campamentos municipais. O alumnado do campamento de conciliación desfrutará de charlas coa escritora Marta Villar, mentres que os participantes no campamento deportivo recibirán exemplares de literatura xuvenil.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.