Dous grupos tradicionais de renome participarán no evento
O folclore segue protagonizando citas dentro do calendario municipal de Ribeira. A terceira Noite Tradi celebrarase no sábado, 11 de xullo, a partir das 22.00 horas, na praza de Porta do Sol.
Alí actuarán os grupos locais Bailadela e As Sete Linguas da Asociación Francisco Lorenzo Mariño de Aguiño xunto a dúas agrupacións de renome no panorama musical tradicional: Unto Vello, de Galicia, creado por Bieito Pereira e Xabi Gómez, os cales fan son tradicional, percusión e voces; así como Delameseta, de Valladolid, que é un dúo que fusiona folclore tradicional de Castela e León con música electrónica contemporánea a través da mestura de instrumentos de percusión con voces con sintetizadores base.
“Continuamos bailando ao son da música tradicional con esta terceira Noite Tradi que contará coa participación de catro grupos; dous deles son locais e outros dous, un galego e outro de Castela e León, están revolucionando o panorama da música a nivel estatal. De feito, adoitan formar parte do cartel de grandes festivais folk. Este é un evento para desfrutar do folclore das nosas terras que organizamos dende o Concello de Ribeira xunto a Bailadela e que se enmarca dentro da programación da Fiestra da Cultura da que daremos conta en vindeiras datas”, explica a concelleira de Cultura, Ana Barreiro.
Pola súa parte, o presidente da A.C. Bailadela, Óscar Romero, puxo en valor este tipo de eventos ao contar coa música “como encontro social, baile e creación de comunidade.” Tamén destacou a presenza de Unto Vello, que aproveitarán para presentar ao público ribeirense o seu novo e primeiro disco Inmaterial, así como de Delameseta que acaban de sacar disco e EP recentemente.
Este evento que vai pola súa terceira edición nace da sinerxía entre organismos como indicou Alicia González, directiva de Bailadela, na que se poderán desfrutar de “tres maneiras diferentes de facer o folclore onde a orixe son as recollidas”, como ben apuntou Manola Valiño, mestre de Bailadela e As Sete Linguas.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.