Tuesday 09 de June de 2026

Un centenar de profesionais velarán pola seguridade e a limpeza durante a tempada de praias, que comeza o 15 de xuño


Os servizos de limpeza actuarán a diario en cada uno dos areais. A Coruña conta este verán con cinco bandeiras azuis

O operativo de socorrismo, integrado por 42 efectivos, estará activo ata o 15 de setembro. Haberá dous socorristas para a zona de baño do Parrote

A alcaldesa, Inés Rey, presentou hoxe a tempada de baño na cidade nas praias da cidade, que comezará o luns, 15 de xuño. Os servizos do Concello levan semanas traballando para poñer a punto todos os areais tanto no ámbito da seguridade como no da limpeza. Xa nas primeiras semanas de maio se procedeu á retirada da duna de Riazor, marcando o inicio dos preparativos para a tempada de verán, que durará ata o 15 de setembro.
“Comeza a época de sol, de baño e de desfrutar, e a tarefa do Concello é dispor os recursos e o persoal necesario para que tanto a cidadanía como os visitantes poidan gozar da cidade con seguridade e limpeza. Por iso este ano reforzamos aínda máis os servizos municipais nos areais, con estreita vixilancia dos nosos socorristas e actividade continua dos nosos equipos de limpeza e mantemento”, subliñou a alcaldesa, Inés Rey, acompañada pola concelleira de Seguridade Cidadá e Interior, Montse Paz. Rey presentou o dispositivo municipal fronte á zona de baño do Parrote, que súmase aos espazos con cobertura municipal con dous socorristas.

No plano da seguridade, o Concello está a despregar un gran operativo de socorrismo nas praias e puntos de baño, coa novidade do equipo da plataforma do Parrote, que abrirá este verán e da que o Concello asume as tarefas de vixilancia.

O Concello activará estes operativos entre o 15 de xuño e o 15 de setembro, garantindo a cobertura integral de vixilancia, prevención, rescate e asistencia sanitaria nos principais areais. O dispositivo estará integrado por un total de 42 profesionais especializados, entre socorristas acuáticos, patróns de embarcación, persoal técnico sanitario e coordinación operativa. A distribución de efectivos realizarase atendendo a criterios de afluencia, características da contorna e necesidades de cobertura de cada praia. Darán cobertura ás praias todos os días de 11.00 a 21.00 horas.

O servizo prestará cobertura nas praias de Riazor, Orzán, Matadoiro, As Lapas, San Amaro, Oza, O Parrote e Punta de Santa Cristina. O operativo contará con medios de intervención e rescate adaptados ás esixencias de seguridade e resposta inmediata no litoral urbano.

Entre os recursos previstos destacan:
– Dúas motos acuáticas de rescate, situadas estratexicamente nas praias de Oza e Riazor
– Ambulancia de soporte vital básico (SVB) operativa en praia
– Equipos de comunicación por radio e telefonía integradas na rede de salvamento
– Emisoras náuticas individuais para cada embarcación
– Sistemas de comunicación individual para cada socorrista en servizo
– Postos de socorro equipados con dobre canle de coordinación entre persoal de praia e embarcacións
– Material sanitario homologado para atención de emerxencias e asistencia básica
– Incorporación de táboas de rescate e novo material técnico de intervención acuática

Como novidade para a tempada 2026, implementaranse melloras funcionais na APP CEUS, ferramenta dixital orientada a facilitar información en tempo real sobre o estado das praias, incidencias, condicións de seguridade e operatividade do servizo de salvamento. Esta actualización permitirá optimizar a comunicación cos usuarios e reforzar a capacidade preventiva do dispositivo municipal.

Servizo de limpeza e mantemento

Durante os meses de baño nas praias, reforzaranse tamén os servizos diarios de mantemento ante o gran aumento de actividade. Así, a partir do día 15 pasarase maquinaria limpiapraias todas as noites en todos os areais e reforzarase cunha limpeza manual diaria e o baleirado dos contedores e as papeleiras, dos que se colocarán máis de 150 con capacidade de 120 litros cada un. Os contedores corresponderán ás fraccións de orgánico e envases e nos accesos aos areais colocaranse tamén de fracción resto, sobre todo para depositar os cueiros e outros residuos. O reforzo esténdese tamén ao paseo marítimo, con máis limpezas manuais e máis vaciado de papeleiras.
“Esta cidade ten uns areais privilexiados, e depende de nós manter ese gran capital natural e turístico. Pola parte do Concello, co reforzo dos servizos de limpeza e mantemento. Pola parte das persoas usuarias, actuando coa conciencia e responsabilidade de coidar estas contornas”, apuntou Inés Rey.

Na cala de Bens —que seguirá a ser praia canina— farase unha limpeza manual profunda de cara ao período estival. Hai que ter en conta que ese areal ten unhas características especiais que impiden que se pase a máquina limpapraias, co que os traballos se realizan de forma manual. En total, medio centenar de operarios traballarán nos operativos de limpeza, con brigadas que farán quendas de mañá, tarde e noite para atender as necesidades de hixiene en cada momento.

Tamén se están colocando as casetas para os socorristas nas praias de Riazor, Orzán-Matadoiro, Oza, As Lapas e Santo Amaro. A estas instalacións súmase a caseta de Educación Ambiental, que estará operativa e ofrecerá actividades durante a tempada de baño en Riazor. Na caseta de Oza préstase apoio ás actividades da Fundación María José Jove dirixidas a persoas con diversidade funcional. As tres praias accesibles da cidade (Riazor, San Amaro e Oza) contarán con duchas adaptadas e outros elementos para posibilitar a mobilidade das persoas con diversidade funcional

Ademais, estará en funcionamento o servizo de vixilancia ambiental, que xa comezou a pasada semana coas revisións preliminares e que supervisará 17 puntos de baño con inspeccións diarias nas praias principais (Riazor, Orzán-Matadoiro, Oza, San Amaro, As Lapas) e en puntos de baño como o de O Parrote. O ano pasado este servizo completou un total de 382 inspeccións.

Así mesmo, os cans xa non poden acceder aos areais a partir do 1 de xuño e ata o 30 de setembro. Segue aberto para uso canino o areal de Bens e tamén o resto de áreas caninas da cidade.

Actividades educativas

Paralelamente ao servizo operativo, o Concello desenvolverá a partir do 1 de xullo de 2026 un programa de actividades educativas vinculadas ao salvamento e socorrismo dirixido a menores de entre 6 e 16 anos. A iniciativa terá como finalidade fomentar hábitos saudables, a educación en seguridade acuática e a sensibilización medioambiental mediante actividades lúdicas, deportivas e formativas desenvolvidas na contorna da praia. O programa persegue obxectivos específicos relacionados coa promoción de valores de convincencia, cooperación e respecto, a adquisición de hábitos de lecer saudable, o desenvolvemento da autonomía privada e o traballo en equipo, a sensibilización sobre a protección do medio natural ou a iniciación ás técnicas básicas de salvamento e prevención acuática. A metodoloxía aplicada combinará dinámicas participativas, actividades deportivas e aprendizaxe práctico adaptado ás diferentes idades e capacidades dos participantes. As actividades son de carácter gratuíto e apuntaranse diariamente os nenos na caseta dos socorristas das praia de Riazor e Oza.

Bandeiras Azuis

A Coruña contará este ano con cinco bandeiras azuis outorgadas pola Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC), recoñecendo a calidade ambiental, os servizos e a seguridade dos seus areais.

As praias distinguidas son Riazor, Orzán-Matadoiro, Santo Amaro, As Lapas e Oza, que volverán contar con este selo internacional grazas ao cumprimento dos estándares máis esixentes en termos de calidade da auga, accesibilidade, xestión ambiental e atención ás persoas usuarias, sendo o da Coruña un dos municipios de Galicia con maior número debandeiras azuis no seu territorio.

Deja un comentario