Desevolveranse do 14 de xullo ao 16 de agosto, podendo participar calquera restaurante da cidade
O prazo de inscrición remata o 19 de xuño e as bases poden consultarse na páxina web de Turismo A Coruña
Este verán volve unha nova edición das xornadas gastronómicas ‘A Coruña, que bonito!’, que se desenvolverán do 14 de xullo ao 16 de agosto. O Concello organiza esta iniciativa, que forma parte do plan de Goberno de Inés Rey para poñer en valor o produto e a Lonxa da Coruña, apoiar o sector da restauración e facilitar o acceso á oferta gastronómica da cidade.
“A Coruña é gastronomía e é mar. As dúas cousas xúntanse nestas xornadas nas que reivindicaremos os nosos produtos locais á vez que ofrecemos á cidadanía unha forma de sumerxirse na amplísima oferta culinaria que temos. É, a fin de contas, unha celebración do noso”, subliñou o concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro.
A participación está aberta a calquera restaurante da cidade, se ben establecerase un límite de 30 establecementos participantes como máximo. Os locais que desexen concorrer nestas xornadas deberán incluír na súa carta un menú, prato ou oferta gastronómica na que o bonito da Lonxa da Coruña sexa o protagonista, podendo presentar ata un máximo de 3 propostas diferentes.
As inscricións poden formalizarse desde este mércores ata ás 14.00 horas do 19 de xuño.
Será necesario cumprimentar un formulario dispoñible na páxina web de Turismo da Coruña. A participación é gratuíta e as bases poden consultarse aquí.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.