Sunday 24 de November de 2024

A Xunta de Goberno inicia o expediente de contratación do servizo de rozas


A Xunta de Goberno aprobou hoxe a apertura do procedemento de adxudicación do servizo para rozas, limpeza e mantemento dos viarios e parcelas municipais. O contrato, que se adxudicará polo procedemento aberto, terá un tipo de licitación de 181.818,18 euros, IVE aparte. Desa cifra, 170.000 euros corresponden á anualidade de 2016, e 50.000 euros á anualidade de 2017.

A tenente de alcalde, María Rozas, deu conta dos acordos da xuntanza desta mañá, na que tamén se adxudicou o contrato de conserxería e limpeza nas dependencias deportivas de Conxo. O servizo correrá a cargo da empresa Arines Obras y Proyectos S.L, que ofertou realizar os traballos por un importe de 26.620 euros, IVE incluído. Tamén se comprometeu a realizar 60 horas de conserxería e 40 de limpeza a maiores sobre as horas mínimas fixadas no prego. María Rozas sinalou que esta adxudicación será por un prazo de cinco meses, “ata que as dependencias de Conxo se poidan incluír no contrato global de limpeza e conserxería das instalacións deportivas, que está a piques de ser renovado”.

Tamén se adxudicou hoxe o servizo de organización da Festa dos Maiores 2016, do que se encargará a empresa Catering Casa Taboada S.C, por un importe de 31.790 euros.

Rede Cultural
A Xunta de Goberno acordou solicitar á Deputación da Coruña unha subvención para o programa Rede Cultural 2016. A Concellaría de Acción Cultural propón a celebración en Compostela dunha serie de actividades que custarían un total de 26.250 euros, dos que a Deputación achegaría 7.875 euros e o resto correría por conta do Concello.

Unha das accións máis salientables sería a incorporación de Compostela á xira homenaxe a Xosé Neira Vilas e á Emigración Galega en Cuba, do grupo Son Galego Son Cubano. O importe desta actividade sería de 14.520 euros. Ademais, no programa figuran actividades relacionadas co teatro (profesional e amador), os monicreques, a música, a danza e mesmo o ilusionismo.