O Concello de San Sadurniño ten en marcha desde hai uns quince anos un programa de compostaxe doméstica, co obxectivo de reducir a cantidade de residuos orgánicos que se envían a SOGAMA para o seu tratamento e, sobre todo, para avanzar cara a un modelo máis sostible de xestión do lixo. Ao longo de todo este tempo foron máis de 400 os fogares adheridos, despois de que a finais do ano pasado se activase unha nova campaña de difusión á que se sumaron 112 vivendas máis. Porén, o Concello quere que a cifra de familias comprometidas co novo modelo sexa aínda maior. Neste sentido, desde as áreas de Servizos e de Axenda 2030 lémbrase que aínda hai dispoñibles uns corenta composteiros para aquelas persoas que queiran sumarse ao cambio. Para iso só hai que solicitar un destes depósitos chamando ao Concello ou a través deste formulario. As unidades, de 400 litros de capacidade, son gratuítas e entréganse na casa nunha visita concertada que tamén se aproveita para explicar a súa correcta utilización.
A compostaxe doméstica constitúe unha das principais apostas do Concello para a xestión da materia orgánica, unha fracción que representa entre o 40 e o 50% do peso da bolsa do lixo. Fronte ao modelo do denominado contedor marrón, San Sadurniño decidiu impulsar unha alternativa baseada na autoxestión dos biorresiduos nos propios fogares, reducindo así os custos económicos e ambientais asociados ao transporte e tratamento destes refugallos.
O programa de compostaxe arrancou en San Sadurniño en 2011. Desde aquela o Concello foi sumando fogares -arredor de 400 ao longo deste período- por medio do desenvolvemento campañas informativas e da entrega gratuíta de composteiros. A última destas accións de difusión levouse a cabo a finais do pasado ano, cadrando co anuncio municipal de que San Sadurniño non implantaría o colector marrón e que, en cambio, iría implantando de maneira progresiva pola autoxestión domiciliaria do orgánico como xeito de adaptarse á normativa europea e de reducir custes económicos e ambientais no tratamento do lixo.
Esta nova campaña entre a veciñanza acompañouse de obradoiros e encontros veciñais destinados a explicar o funcionamento dos composteiros e as vantaxes da compostaxe. Desde entón, máis dun cento de novos domicilios incorporáronse á iniciativa, que permite transformar os restos orgánicos da cociña, da horta ou do xardín nun fertilizante natural de alta calidade. A compostaxe actualiza en certa maneira as esterqueiras de toda a vida, coa diferenza de que se aplica unha técnica moi sinxela que evita cheiros e outros inconvenientes.
O recomendable para compostar é dispor dun espazo exterior de, cando menos, 25 metros cadrados. O composteiro ha de colocarse preferiblemente nun lugar sombreado e en contacto directo coa terra para facilitar a acción dos microorganismos responsables da descomposición da materia orgánica. O depósito que entrega o Concello ten unha capacidade de 400 litros, suficiente para atender as necesidades dunha unidade familiar de tamaño medio.
A compostaxe axuda a transformar restos como mondas de froitas e verduras, borras de café, cascas de ovos, follas secas, herba ou pequenas pólas, servilletas de papel usadas, bolsiñas de infusións, etc., evitando que acaben no colector convencional. Ao mesmo tempo contribúe a diminuír a cantidade de residuos que deben ser transportados e tratados en planta, reducindo os custos do servizo e favorecendo unha xestión máis eficiente dos recursos técnicos e humanos dos que dispón o Concello.
Desde a Administración local destácase que esta iniciativa “forma parte da estratexia municipal para avanzar cara á economía circular e cumprir cos obxectivos de redución de residuos marcados pola normativa ambiental”, explica a concelleira de Axenda 2030, Raquel Piñeiro López. Ademais, subliña a titular da área ambiental, “o éxito do modelo depende en boa medida da implicación veciñal, polo que animamos ás persoas que aínda non o fixesen a que soliciten o seu composteiro antes de que se esgoten as unidades dispoñibles”.
As solicitudes poden realizarse chamando polas mañás de luns a venres ao 981 490 027 ou cubrindo o formulario en liña habilitado na páxina web do Concello. Xunto co composteiro, as persoas participantes tamén recibirán asesoramento e acompañamento para iniciar correctamente o proceso e obter un compost de calidade para o seu uso en hortas, xardíns e cultivos.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.