Oferta cursos para os diferentes rangos de idade
A cidadanía de Ribeira poderá seguir mellorando as súas competencias dixitais cunha serie de cursos que ofrece a Aula CeMIT orientados aos diferentes rangos de idade e, en consecuencia, adaptando o contido dos mesmos.
Neste senso, o concelleiro de Innovación e Novas Tecnoloxías, Álex Vidal, explica que “queremos que a Aula CeMIT goce de actividade tamén durante verán, continuando así co dinamismo que tivo nestes meses coas distintas accións formativas que desenvolvemos. Por iso, aproveitando o período de vacacións dos que desfrutará a cativada, achegamos este programa que tamén contribúe a favorecer a conciliación das familias durante a mañá ao mesmo tempo que os máis pequenos da casa aprenden a facer un uso responsable das novas tecnoloxías. E, por suposto, seguimos apostando pola alfabetización dixital dos nosos maiores con cursos específicos para eles.”
Os nenos e nenas con idades comprendidas entre os 7 e 9 anos poderán participar en A patrulla tecnolóxica que se impartirá do 1 ao 31 de xullo e do 3 ao 28 de agosto, os luns, mércores e venres, de 09.30 a 11.00 horas. Doutra banda, para a rapazada de 10 a 12 anos ofértase, neste mesmo período, Makers en acción-TICo, o Superheroe, de 11.30 a 13.00 horas. Tamén os maiores poderán asistir a esta última actividade. Para eles impartirase do 14 ao 31 de xullo, os martes, xoves e venres, de 11.30 a 13.00 horas; mentres que, do 4 ao 28 de agosto, levarase a cabo Makers en acción-O Hospital Tecnolóxico do Doutor CeMITo, nos mesmos días e horario antes indicado.
As inscricións son gratuítas e poden formalizarse na propia Aula CeMIT, no teléfono de contacto 981 876 043 ou no enderezo
electrónico cemit.ribeira@xunta.gal.
Obradoiro sobre o impacto das redes sociais
A maiores, neste 11 de xuño terá lugar o obradoiro presencial Pantallas abertas: ciberseguridade sen filtros, dirixido a tódalas persoas interesadas en comprender mellor o impacto das redes sociais e da tecnoloxía na vida diaria. Para tal fin, visionarase un
documental e realizarase unha sesión formativa para afondar no tema. Será de 10.00 a 13.00 horas, no Centro Cultural Lustres Rivas.
As persoas interesadas en asistir poden anotarse a través da ligazón https://apunta.xunta.gal/gl/form/pantallas-abertas.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.