Monday 08 de June de 2026

Alternativa reclama novamente o fin do bloqueo xenocida contra o pobo cubano


O Goberno de España obrigado a posicionarse en defensa do pobo irmán de Cuba

Alternativa dos Veciños expresa a súa fonda preocupación pola situación internacional actual, marcada por conflitos armados, tensións xeopolíticas e un crecente deterioro das relacións entre pobos e estados. Mentres moitos gobernos occidentais mobilizaron importantes recursos diplomáticos, económicos e militares en relación coa guerra entre Rusia e Ucraína, non suce o mesmo noutras partes do mundo, nas que non existe a mesma implicación nin a mesma vontade política para promover solucións negociadas e duradeiras.

A situación que atravesa Cuba debido ao total bloqueo económico, comercial, enerxético… imposto polos Estados Unidos imposibilita o normal desenvolvemento económico e social da illa e repercute directamente nas condicións de vida da súa poboación. As limitacións ao comercio, ao investimento e ao acceso a recursos estratéxicos contribúen á escaseza de bens e servizos básicos e dificultan o funcionamento de infraestruturas esenciais. Por iso é necesario que a comunidade internacional intensifique os seus esforzos para favorecer o diálogo, a cooperación e o levantamento das medidas que afectan á cidadanía cubana.

O Goberno de España, polos lazos históricos existentes, está obrigado a adoptar unha posición máis activa na defensa da paz, da soberanía dos pobos e da cooperación internacional, promovendo iniciativas políticas e diplomáticas orientadas á resolución dos conflitos. Existe un vencello cultural, social e humanos entre España e Cuba, polo que ambos pobos deben continuar fortalecendo as súas relacións de amizade, respecto e colaboración.

Alternativa dos Veciños quere expresar, unha vez máis, a súa solidariedade co pobo cubano e solicita ao Goberno de España e ás institucións europeas que impulsen medidas de apoio e cooperación que contribúan a mellorar as condicións de vida da poboación da illa.

Deja un comentario