Monday 08 de June de 2026

O Concello celebra que a Xunta poña en marcha a proposta municipal para crear unha área de prestación conxunta de transporte en taxi entre A Coruña e os concellos limítrofes


O concelleiro de Economía e Planificación Estratéxica, José Manuel Lage, participou hoxe nunha reunión de traballo coa Xunta e municipios da área

O concelleiro de Economía e Planificación Estratéxica, e voceiro do Goberno municipal, José Manuel Lage, puxo en valor os primeiros pasos que se están a dar co obxectivo de crear dunha área de prestación conxunta de carácter metropolitano na Gran Coruña, “e que iso permita que os taxis da Coruña non só podan operar na cidade, senón tamén nos concellos limítrofes”.

Lage, que participou esta mañá nunha reunión de traballo coa Xunta e os concellos da área metropolitana para valorar a folla de ruta a seguir neste eido, valorou positivamente o feito de que a Administración autonómica “aceptase a proposta que fixemos desde o Concello para que esta área de prestación conxunta se poña en marcha”.

O edil fixo fincapé na evolución vivida pola mobilidade entre a cidade e os concellos da área, “mobilidade que hoxe máis que nunca é metropolitana e non entende de límites xeográficos ou municipais. A realidade económica e social da Gran Coruña dáse en termos de mobilidade compartida”. Neste sentido, Lage destacou que a área de prestación conxunta favorecería a competencia do sector do taxi cos VTC “sempre pensando en darlle o mellor servizo posible á cidadanía”.

Ademais do edil coruñés, na reunión desta mañá tamén houbo representación institucional dos concellos da área metropolitana: José María Sánchez Novo e José Antonio Calvelo, concelleiros en Arteixo; Diana Piñeiro, alcaldesa de Cambre; José Ramón Rioboo, alcalde de Culleredo; e Pablo Cibeira, concelleiro en Oleiros.

O Concello aposta pola creación dun Consorcio Metropolitano de Transporte

Tamén este luns, o concelleiro defendeu a creación dun Consorcio Metropolitano de Transporte que contribúa a mellorar a mobilidade entre A Coruña e os concellos da área.
“Entendemos que, xunto á vivenda, a mobilidade é unha das principais preocupacións da cidadanía. Levamos insistindo moito tempo e imos seguir traballando para convencer á Xunta de que se cree este consorcio, porque a Gran Coruña abarca á cidade e tamén aos municipios lindeiros e entendemos que aí debe estar a Xunta, que é a Administración que ten as competencias en materia de transporte metropolitano”, dixo Lage.

Deja un comentario