Gumersindo Guinarte reclama a reparación inmediata dun ascensor que continúa avariado malia os anuncios do Goberno local e advirte de que a situación impide o acceso en igualdade de condicións a un equipamento municipal de referencia.
O voceiro socialista critica que, cinco meses despois de que o Goberno anunciase unha nova proposta de reparación, o ascensor siga sen funcionar e acusa a Sanmartín de non resolver problemas básicos do día a día da veciñanza.
O voceiro do Grupo Municipal Socialista, Gumersindo Guinarte, denunciou a falta de solucións do Goberno de Goretti Sanmartín ante os problemas de accesibilidade que continúa padecendo o Centro Sociocultural da Trisca e reclamou a reparación inmediata dun ascensor que leva anos sen funcionar.
Guinarte advertiu de que os problemas de accesibilidade do centro sociocultural “continúan sen resolverse”, malia tratarse dun equipamento público “de referencia para o barrio e para o conxunto da cidade de Santiago”. Neste sentido, criticou que o Goberno local siga sen ofrecer unha solución a unha situación que se prolonga desde hai demasiado tempo.
O voceiro socialista lembrou que “o ascensor do centro leva anos sen funcionar”, unha circunstancia que, segundo explicou, dificulta o acceso ás actividades que se desenvolven nos andares superiores. Unha situación que afecta especialmente ás persoas con mobilidade reducida, pero tamén ás familias con crianzas de curta idade que utilizan habitualmente estas instalacións municipais.
Ademais, sinalou que esta problemática foi trasladada “en numerosas ocasións por veciñas e veciños da Trisca”, que seguen reclamando unha actuación que permita “garantir que todas as persoas poidan facer uso deste espazo en igualdade de condicións”.
Guinarte lembrou tamén que xa no pasado mes de xaneiro o concelleiro responsable dos centros socioculturais informara de que “se estaba a traballar nunha nova proposta para a reparación do ascensor”. Porén, criticou que “a día de hoxe este segue sen estar operativo”, o que evidencia, ao seu xuízo, a falta de capacidade do Goberno municipal para resolver cuestións básicas que afectan ao día a día da cidadanía.
O socialista advertiu de que a accesibilidade non pode seguir sendo unha cuestión secundaria para o executivo local e insistiu en que resulta inaceptable que unha instalación municipal destas características continúe arrastrando un problema sen resolver durante anos.
Por todo iso, as e os socialistas consideran prioritario que o Goberno local acometa “canto antes a reparación do ascensor” para “garantir a accesibilidade universal nesta instalación municipal”. Guinarte concluíu reclamando menos anuncios e máis feitos para que a veciñanza da Trisca poida utilizar este centro sociocultural en condicións de igualdade.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.