Cerca de 350 deportistas desde Peques até Máster 3 participaron esta mañá nas distintas probas da XI Carreira popular de San Sadurniño, unha das clásicas do athletismo amador da comarca que hoxe se beneficiou, un ano máis, dun tempo soleado e non demasiado caloroso. A raíña das carreiras volveu ser a cronometrada de 4,9 quilómetros con saída e chegada no arboreto da Cortiña tras pasar pola Bidueda, Cornide e un tramo da estrada de Ortigueira. Un trazado no que os mellores tempos os asinaron Andrea Díaz Iglesias, do Ría de Ferrol, con 18’33”, e Hugo Serantes Bouza, quen completou o trazado en 16’07”. El e os seus compañeiros do Náutico Narón coparon os catro primeiros postos da popular.
O speaker da cita, o xornalista Terio Carrera, bromeaba na liña de meta preguntándolles ás e aos deportistas que chegaban derreados se atoparan algunha costa no percorrido, posto que cando se montara o trazado, ría Carrera, “a organización puxo todos os tramos chans”.
Esta edición reeditou o trazado de 4,9 quilómetros estreado hai tres anos que, malia ser unha distancia asequible con algo de adestramento, supuxo un auténtico inferno para quen non prestase atención á sucesión de desniveis. De feito, o grupo compacto que saíu da Cortiña e que avanzou máis ou menos xunto pola Bidueda non tardou en ir estirándose a medida que se subía cara a Cornide.
A primeira costa marcou a diferencia máis avultada entre quen tivese costume de correr populares, medias maratóns e maratóns, e quen está iniciándose neste tipo de probas. Porén, quizais fose a recta da AC-862 a que máis “tirou”. E é que, despois de pasar máis ou menos ben Cornide, as corredoras e corredores atoparon un segmento inferior ao quilómetro que comezaba cun leve descenso para logo ir en chan e rematar nunha subida máis dura do que parecía, comprendida entre a panadería Inxerto e a Casa do Concello.
A proba absoluta da pedestre sadurniñense botou a andar ás 11:30h e completouse en 36 minutos, axustándose ás previsións da organización que este ano axustaron os horarios e o desenvolvemento de todas as probas de tal maneira que a entrega de trofeos puido iniciarse antes incluso das 13:00h.
Ao podio subiron como vencedora e vencedor absolutos Andrea Díaz Iglesias e Hugo Serantes Bouza, con tempos de 18’33” e 16’07” respectivamente. Ambos presidiron o podio da Cortiña dentro da categoría Sénior. As persoas mellor clasificadas de San Sadurniño na proba raíña foron o Máster 2 David Tembrás Alonso, de Ferreira, cun tempo de 18’17” que lle valeu un meritorio 15º posto na xeral, e Lucía Carballido Tembrás, de Naraío, quen pasou por debaixo do arco de meta dez minutos despois.
Antes da carreira de 4,9 quilómetros desputáronse as mangas Sub 16 e Sub 14 mentres que, tralo seu remate, o arboreto da Cortiña acolleu as probas para a rapazada, desde Sub 12 ata Peques.
A XI Carreira popular de San Sadurniño foi todo un éxito organizativo, gracias á colaboración do persoal da Federación Galega de Atletismo, do club ciclista Biela e Chaveta, da clínica local Fisioche-ben e do apoio loxístico de Emesports, en cuxa web poden consultarse xa as clasificacións de todas as categorías. Ademais, no éxito tamén tivo que ver o comentarista Terio Carrera, animando a mañá con entrevistas e comentarios sobre a traxectoria dos nomes máis destacados, lembrando as citas futbolísticas desta tarde e, máis que nada, dinamizando a proba en perfecta sincronía co persoal de cronometraxe para que o plan horario se fose cumprindo coa máxima precisión.
Próxima cita deportiva entre corredoiras, toxos e xestas
E trala popular deste domingo, en sete días teremos unha nova cita co deporte en San Sadurniño. E é que o domingo 14 desenvolverase “Entre corredoiras, toxos e xestas”, que integra o terceiro Trail de montaña, a 5ª BTT e unha andaina. O evento, organizado polo Concello e o club local Biela e Chaveta presentarase oficialmente este martes pola tarde preto do castelo de Naraío, aproveitando un dos novos itinerarios abertos para esta edición.
Toda a información pode consultarse na web do club ciclista. O prazo para anotarse en calquera das tres disciplinas remata este luns, 8 de xuño.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.