Monday 08 de June de 2026

O Concello de Ribeira destina máis de 5.000 euros para novas árbores e plantas dentro do plan municipal de reverdecemento


 As últimas tarefas focalizáronse no cento da cidade

A brigada municipal de xardinería estivo estes días intensificando as tarefas de reverdecemento do centro da cidade de Ribeira coa plantación de árbores e plantas nas zonas axardinadas. O investimento ascende a 5.440 euros para a adquisición de 10 cipreses para a avenida de Lugo, 500 begonias para a rúa de Galicia e 1.000 guineanas para a praza do Concello, a praza de Compostela e as rotondas.

O concelleiro de Parques e Xardíns, Vicente Mariño, indica que agora iniciarase tamén a plantación nas parroquias tras intensificar o traballo no núcleo urbano. “Seguimos reverdecendo os nosos espazos públicos durante o verán. Xa nos pasados meses colocamos unha remesa dunha vintena de árbores e 1.800 unidades de ciclamen. Esta é unha mostra das medidas que se toman dende o Concello de Ribeira para o acondicionamento do noso municipio”, apunta.

Así mesmo, Mariño explica que a elección dos cipreses para a avenida de Lugo responde ao tránsito nesa vía polo que “non podiamos poñer árbores de moita copa por ser unha zona moi empregada por vehículos de mercancías e tampouco podían ser árbores moi altas polos edificios. Cremos que os cipreses son unha boa elección ao medrar algo máis do aspecto que presentan agora mesmo, pero sen gañar moito máis volume e, polo tanto, non interferir para residentes nin para quen presta servizos de transporte na zona.”

Deja un comentario