A exposición componse de seis gravados coas súas correspondentes matrices
O Museo do Gravado de Artes segue achegando cultura dende as súas instalacións coa apertura neste sábado, 6 de xuño, da homenaxe a Isaac Díaz Pardo a través dos gravados de Yolanda Carbajales; unha nova cita que se enmarca na celebración do 25 aniversario do centro museístico.
Esta mostra está composta por 6 gravados coas súas correspondentes matrices nas que a artista toma as pezas de Isaac Díaz Pardo e fai a súa propia achega a través da técnica de mezzotinta, tamén coñecida como maneira negra, a cal esixe grande habilidade técnica, tempo e rigor artesán.
Durante a súa intervención, a alcaldesa de Ribeira e presidenta da Fundación, María Sampedro, destacou “o talento dunha artista que rende tributo a unha das grandes figuras da cultura galega nunha serie de imaxes que recrean a obra pictórica do falecido intelectual, ademais dun retrato del con grande detalle que lle outorga un realismo fascinante. Temos aquí representada a perfecta unión de dous grandes artistas.” No acto participou tamén a propia artista Carbajales; o vicepresidente da Fundación, Javier Expósito; o primeiro tenente de alcalde, Vicente Mariño; e o director do MUGART, Xoán Pastor.
O público poderá desfrutar desta exposición ata o 5 de setembro, na que a luz vai asomando nas sombras da mezzotinta, aparecendo os grises dos medios tons, para ofrecer formas expresivas.
“Asistimos á creación dun mundo artístico a partir doutro artista ao que Carbajales incorpora símbolos. Unha gran homenaxe a quen se lle dedicou o Día das Artes Galegas no 2025”, concluíu a rexedora.
Aproveitouse a ocasión para presentar tamén o estoxo para bibliófilos deseñado pola artista cos seis gravados orixinais que integran a serie; unha edición única e limitada a 35 exemplares.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.