“Amonites ou os trilobites?” Coas respostas do público a esta pregunta de Roberto Bao, catedrático en Paleontoloxía da UDC, rematou a Semana do Medio Ambiente. “É a primeira vez que fago un obradoiro deste tipo para público adulto, e a verdade é que estou impresionado polo seu interese”, asegurou.
Roberto Bao foi un dos seis investigadores e investigadoras da universidade coruñesa, catro expertos e expertas en botánica e medio ambiente, e cinco animadoras culturais encargáronse de dinamizar un programa centrado na divulgación científica para todas as idades, que reuniu a máis de 180 persoas entre as ducias de nenos e nenas de 4 a 10 anos que pasaron o venres polo circuíto lúdico-científico celebrado na Praza do Concello, as 47 persoas adultas que encheron o autobús na visita guiada á parroquia de Aldemunde, as máis de 35 de todas as idades que se achegaron ao mundo da botánica a través das Herbas de San Xoán ou as case 50 que participaron nos talleres impartidos polo Grupo de Investigación en Cambio Ambiental e Paleobioloxía (GRICA-BIOpast) da UDC.
A programación, vinculada ao Proxecto TALKO (Talento quilómetro cero, do programa europeo MSCA and Citizens), converteu o municipio nun espazo de aprendizaxe práctica sobre os retos climáticos e a sustentabilidade desde o ámbito local.
Ciencia de primeiro nivel para mozos e adultos
Un dos pratos fortes da semana foi o bloque de paleobioloxía, dirixido a público maior de 12 anos e impartido polo Grupo de Investigación en Cambio Ambiental e Paleobioloxía (GRICA-BIOpast) da Universidade da Coruña (UDC). As Escolas do Xardín Agra de Caldas acolleron tres obradoiros fundamentais: reconstrucións climáticas, paleontoloxía 3D e unha sesión final de elaboración de moldes e réplicas de fósiles.
O venres, coincidindo co Día do Medio Ambiente, ducias de nenos e nenas de 4 a 10 anos participaron no circuíto lúdico-científico que realizamos na Praza do Concello, con tres estacións interactivas: O sandwich da Terra (estratos comestibles), Cazadores de pegadas (fósiles con plastilina) e Lupas e micro-mundos (observación con material óptico), tres experimentos moi sinxelos que permitiron achegar conceptos básicos aos máis pequenos.
O alcalde de Carballo, Daniel Pérez, amosou a súa satisfacción polo desenvolvemento do programa: “Con esta Semana do Medio Ambiente queriamos que Carballo fose un espazo de aprendizaxe para todos os públicos. Grazas ao proxecto TALK0 traemos ciencia de vangarda á rúa para que tanto a infancia como a poboación adulta comprendan de xeito práctico os retos climáticos aos que nos enfrontamos, demostrando que a sustentabilidade se constrúe desde o ámbito local”.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.