• Durante todo o ano pasaron por esta iniciativa máis de 400 persoas en 20 actividades diferentes que se ofertaron dende o Concello.
O Concello de Paderne celebrou onte venres o acto de clausura das actividades culturais e deportivas para adultos organizadas pola administración local durante este curso 25/26. A xornada puxo o broche de ouro a unha programación que logrou mobilizar a 400 veciños e veciñas, isto é, aproximadamente, 1 de cada 6 persoas censadas no municipio. A veciñanza participou activamente nas 20 disciplinas diferentes que se ofertaron ao longo dos últimos meses co obxectivo de dinamizar a vida social, cultural e saudable no municipio.
O evento, ademais de para confraternizar e celebrar, serviu como escaparate do talento local grazas á implicación do alumnado dos distintos talleres. Durante a celebración organizouse unha exposición cos traballos das persoas dos cursos de labores da parroquia de Paderne e de cestería da parroquia de Vigo. Ademais, as persoas do taller de labores quixeron ter un detalle con todos e todas as súas compañeiras e agasalláronos cun pequeno recordo elaborado de forma artesanal.
No acto tamén houbo tempo para un desfile organizado polas persoas participantes no obradoiro de corte e confección, podendo exhibir as pezas deseñadas durante o curso. Tampouco faltou o toque de humor, que correu a cargo do actor e humorista Avelino González; nin o musical, coa exhibición do grupo de baile de Vilamorel e Velouzás.
Na súa intervención no acto, o alcalde de Paderne, Sergio Platas, agradeceu a todos os participantes o “seu compromiso e implicación” para que esta iniciativa fora todo un éxito. “Sen vós, isto non tería sentido”, afirmou o rexedor. Rematou afirmando que “ver máis de 400 persoas implicadas activamente nestas propostas demostra que a xente de Paderne queremos convivir entre nós e facer comunidade, e por iso, tende claro que dende o Concello imos seguir apostando por unha oferta ampla e diversa que responda aos vosos intereses para que este noso concello siga así: vivo”.
A xornada festiva finalizou cunha cea que reuniu a máis dun cento de comensais para celebrar o peche definitivo deste curso no mellor dos ambientes.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.