Friday 22 de November de 2024

Feijóo empraza ao sector conserveiro galego a seguir evolucionando da man da investigación e a tecnoloxía para competir fronte a terceiros países e abrirse a novos mercados


Destaca que Anfaco-Cecopesca leva anos apostando polo desenvolvemento de novos produtos nos que a biotecnoloxía ten un papel primordial

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, emprazou ao sector conserveiro galego a seguir evolucionando da man da investigación e a tecnoloxía para competir fronte a terceiros países e para seguir abrindo novos mercados.

Durante a entrega de medallas de Anfaco-Cecopesca, Feijóo subliñou que nun mercado globalizado como o actual, no que entra en xogo a participación de terceiros países á marxe da UE, obriga ao sector a estar en garda permanente, e a realizar un continuo traballo de investigación e de innovación para que a produción nacional poda manter a súa cota de mercado.

“A demanda evoluciona, as esixencias do consumidor crecen e os hábitos cambian”, aseverou, destacando que Anfaco-Cecopesca leva anos apostando polo desenvolvemento de novos produtos nos que a biotecnoloxía ten un papel primordial non só para o enriquecemento nutritivo e alimentario das conservas ou preparados, senón para incrementar a súa calidade diferenciada.

Nesta liña, lembrou que fai apenas dous meses a cadea mar-industria en Galicia avanzaba un paso máis nesta carreira coa posta en funcionamento en Vigo do novo Centro de Tecnoloxías Avanzadas de Investigación para a Industria Mariña e Alimentaria (Cytma). Un centro tecnolóxico “que fixemos fronte á crise económica”, con 6.000 metros cadrados de superficie e un investimento total de 8,5 millóns de euros, que permitirá a posta en marcha de novas liñas de investigación no ámbito da alimentación.

“Estamos a falar dun novo brazo científico-tecnolóxico de Anfaco”, aseverou, ao que engadiu que o seu traballo centrarase no desenvolvemento de alimentos saudables e de calidade; en sistemas de mellora da seguridade alimentaria; no coidado do medio ambiente; na posta en valor de subprodutos e residuos de pescados e mariscos; na investigación sobre acuicultura; en novas tecnoloxías de conservación; e na modernización dos procesos de fabricación integrando as vantaxes da fábrica intelixente. “En definitiva a microbioloxía, a biofarmacia e a acuicultura son os tres eixes principais de actuación dos 91 profesionais que traballan nas súas instalacións”, dixo, a modo de resumo.

Feijóo expresou o seu convencemento de que este centro vai posicionar Vigo como a capital científica de Europa da industria da conserva, xa que esta nova unidade de investigación reforzará o traballo que xa ven realizando neste ámbito desde 1.991 o Centro Tecnolóxico de Conservación de Produtos da Pesca Cecopesca.

Así mesmo, o responsable do Goberno galego recordou que a Xunta puxo a funcionar tres Unidades Mixtas de investigación, que supoñen un investimento total de 28 millóns de euros co obxectivo de que os centros tecnolóxicos e as universidades se impliquen coas empresas no desenvolvemento de proxectos de I+D+i.

O titular da Xunta asegurou que Galicia é a rexión europea máis importante no que a pesca, marisqueo e conserva se refire. E, sobre este punto, subliñou o incremento na produción que, neste primeiro trimestre do ano, rexistrou un 20% no volume e un 12% en valor.

Feijóo rematou o acto felicitando aos premiados: ás traballadoras Olga Losada Díaz, Consuelo París Lema e Josefina Seoane Villar, “polo seu compromiso co traballo”; ao eurodeputado Francisco Millán Mon, “por defender os intereses de Galicia e por poñer voz ao noso sector nas institucións europeas”; e ao conselleiro de Economía, Francisco Conde, e a secretaria de Estado de I+D+i, Carmen Vela, “por apoiar desde a Administración o reto innovador que a industria mariña e alimentaria ten por diante”.