• O alcalde, Daniel Pérez, destaca que agardan «sete días de festa» que reafirman o San Xoán coma unha cita transversal que se nutre do tecido asociativo e comercial
• A artista local Isa Bermúdez asina un cartel cargado de colorido e maxia co que o Concello inicia unha nova aposta estable polo talento de Carballo
• Entre as grandes novidades deste ano sobresae o primeiro Balsiña Fest, concibido para dar resposta a unha forte demanda da poboación nova
Nun xiro cara o popular e a troula veciñal, no mesmo lugar da rúa Coruña no que durante anos se colocou o palco das orquestras e despois unha das tómbolas máis famosas do San Xoán, celebramos este venres o acto de presentación do programa das festas. Un acto aberto que serviu para debullar un programa cualificado desde a organización coma o “do cambio e as novidades”. Aínda que as propostas arrancan con forza desde principios de mes, o alcalde de Carballo, Daniel Pérez, apuntou que o groso das celebracións concentrarase en «sete días de festa» pensados para que toda a veciñanza atope o seu espazo.
A gran novidade visual desta edición reside no propio deseño do cartel, cuxa autoría asina a artista carballesa Isa Bermúdez. O Concello decidiu dar un xiro á fórmula habitual e, no canto de realizar un concurso, apostará ano tras ano de xeito directo por creadores locais. Bermúdez, que acudiu á presentación vestida co seu mono de traballo mentres participa tamén no Rexenera Fest, agradeceu o encargo e explicou que na súa obra buscou plasmar o compoñente máxico do San Xoán carballés, porque «a maxia -dixo- seguirá existindo mentres se celebre o San Xoán». Esta faceta artística conta un ano máis co fiel patrocinio de Opticalia Enríquez, cuxa representante, Belén Enríquez, quixo lembrar que, malia os cambios, «o San Xoán segue sendo o San Xoán».
Agradecemento ao traballo colectivo e transversal
A concelleira de Cultura, Maruxa Suárez, afondou no enorme esforzo que hai detrás dos bastidores. Puxo en valor o labor dunha comisión integrada por 15 persoas «que vén traballando dende hai máis dun ano» e tivo unha lembranza especial para Mari Pacoret, que formou parte da Asociación Cultural San Xoán durante anos e que finou recentemente.
Pola súa banda, o presidente da comisión, Sergio Varela, foi o encargado de debullar os contidos e avanzou, con humor, dous dos grandes epicentros nocturnos: a Praza do Concello e o Rego da Balsa. «Coidamos á xente, queremos que ande», chanceou Varela. Tamén explicou que a tradicional sardiñada e cachela do vindeiro martes 23 sumará tamén racións de churrasco, e expresou o seu desexo de que, en calquera dos escenarios do San Xoán, «todo o mundo atope un punto para divertirse».
A cita volve ser un exemplo de transversalidade municipal que implica a múltiples áreas e ao comercio local, coa tradicional revista editada polo talento de Distrito Xermar xa á venda por 3 euros na Biblioteca Rego da Balsa, onde tamén pode adquirirse o cartel das festas por 1 euro.
Dando resposta ás novas demandas de lecer, o concelleiro de Mocidade, Daniel Barreiro, destacou unha das principais novidades de 2026: o primeiro Balsiña Fest (sábado 13 de xuño). Trátase dun proxecto deseñado man a man entre a mocidade e os hostaleiros locais que vén cubrir un espazo moi solicitado polo público máis novo.
O alcalde, Daniel Pérez, que afronta o seu primeiro San Xoán á fronte da alcaldía, sumouse ás verbas de recoñecemento cara á pregonera deste ano, Verónica Bolón Canedo, definíndoa coma unha «carballesa cuxa traxectoria e arraigo xustifican plenamente esta decisión». Pérez pechou o acto con optimismo ante os días que veñen: «Con pouco faise moito e para todos: a mellor festa que se podía facer».
O programa da Semana Grande, día a día
LUNS 22 DE XUÑO
• 12:00 h: Disparo das bombas de palenque (anuncio do comezo das festas)
• 12:00 h: Pasarrúas a cargo do Grupo de Gaitas da AC Nemeth
• 20:30 h: Concerto co cuarteto de música latina SonBoleros (Praza do Concello)
• 21:00 h: Pregón do San Xoán a cargo de Verónica Bolón Canedo (Praza do Concello)
MARTES 23 DE XUÑO (Noite de San Xoán)
• 21:00 h: Cachela do San Xoán e sardiñada popular (racións a prezos populares con pan de panaderías locais) (Rego da Balsa, diante da Biblioteca)
• 21:00 h: Verbena coa orquestra Compostela (Rego da Balsa)
• 00:00 h: Queima da Cachela do San Xoán (deseñada por Maximino Pazos) (Rego da Balsa)
• 00:30 h: Sesión DJ’s con Señora DJ (Rego da Balsa)
MÉRCORES 24 DE XUÑO (Día de San Xoán)
• 11:30 h: Pasarrúas coa Banda Municipal de Gaitas, o Grupo de Gaitas da AC San Campio e o Grupo de Gaitas da AC Arume
• 12:30 h: Misa Solemne na honra de San Xoán (cantada pola Coral de Bergantiños) e procesión acompañada pola Banda de Música de Cee (Igrexa parroquial de San Xoán Bautista)
• 14:00 h: Concerto da Banda de Música de Cee (Adro da Igrexa)
• 19:30 h: Danza de Cabezudos a cargo das asociacións culturais (rúas de Carballo)
• 23:00 h: Concerto de Baiuca (Praza do Concello)
• 00:30 h: Verbena coa orquestra Panorama City (Rego da Balsa)
XOVES 25 DE XUÑO
• 11:30 h: Pasarrúas coa Banda Municipal de Gaitas, Grupo de Gaitas da AC San Campio e AC Nemeth
• 12:00 h: Pasarrúas coa Banda de Música de As Pontes
• 12:30 h: Misa Solemne na honra do Santísimo Sacramento (cantada polo Coro Aires de Bergantiños) e procesión coa Banda de Música de As Pontes (Igrexa Parroquial)
• 18:30 h: Circo Expreso 2 (Compañía Desastronauts): espectáculo de aéreos con trapecio e teas (Parque do Anllóns)
• 20:00 h: Verbena coa orquestra Os Satélites (Praza do Concello)
• 23:15 h: Verbena coa orquestra Última Legión (Rego da Balsa)
VENRES 26 DE XUÑO (Festa do Apego)
• 11:30 h: Pasarrúas coa Banda Municipal de Gaitas
• 11:30 h: Actuación infantil de Brais das Hortas (Praza do Concello)
• 12:30 h: Misa Solemne na honra da Virxe do Carme (cantada pola Coral de Bergantiños) e procesión coa Banda Municipal de Gaitas (Igrexa Parroquial)
• 17:00 h: Xogos do Mundo a cargo de Os Biosbardos (Praza do Concello)
• 21.30 h: Concerto de Tito Ramírez (Praza do Concello)
• 23.30 h: Concerto de Joe Crepúsculo (Praza do Concello)
• 00:30 h: Concerto de 9Louro (Praza do Concello)
• 01:30 h: Verbena co Grupo Ráfaga (Rego da Balsa)
SÁBADO 27 DE XUÑO (Festival Rockin’)
• 13:00 h: Sesión Vermú Rockin’ con Stompin Riffraffs e The Mean Devils (Escenario Magnolia – Parque do Anllóns)
• 20:00 h: XXVIII Mostra de Habaneras (Participan: Coro de Oleiros, Coral Polifónica San Lorenzo de Belesar e Coral P. de Bergantiños) (Pazo da Cultura)
• 21:00 h: Festival Rockin’ (concertos principais): Mentah, Charlie Tiburona e León Benavente (Praza do Concello)
DOMINGO 28 DE XUÑO (Festa do Bosque)
• Durante todo o día: Amplo programa de actividades familiares e xogos populares (Bosque do Añón)
• 13:00 h: Sesión Vermú con Laura Añón (Bosque do Añón)
• 16:30 h: Concurso de sobremesas (Bosque do Añón)
• 17:30 h: Xogos Populares (Bosque do Añón)
• 18:30 h: 104ª Campionato Mundial de baixada de augas doces de barcos de papel (Inscricións ás 17:30 h) (Bosque do Añón)
• 20:00 h: Animación musical con DJ David (Bosque do Añón)
• 00:00 h: Gran sesión de fogos de artificio (Pirotecnia Rocha-Areas) (Agra da Lagoa)




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.