O público poderá gozar da última sesión da tempada con dúas voces destacadas da poesía contemporánea costarricense e galega
O ciclo Poetas Di(n)versos continúa a súa programación cun novo encontro poético que terá como protagonistas ao escritor costarricense Luis Chaves e á autora galega Mónica Caldeiro. A cita celebrarase este luns, 8 de xuño, ás 20.00 horas no auditorio do Centro Sociocultural Ágora, con entrada libre ata completar capacidade.
Este ciclo, dirixido pola Premio Nacional de Poesía Yolanda Castaño, forma parte da programación cultural do Concello da Coruña e “co apoio do Goberno de Inés Rey, consolídase como unha das principais plataformas de difusión da poesía contemporánea, combinando voces internacionais de primeiro nivel con autoras e autores galegos”, tal e como apunta o concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro.
Luis Chaves (San José, Costa Rica, 1969) é un dos nomes máis recoñecidos da literatura latinoamericana actual. Autor de poesía, narrativa e crónica, entre as súas obras destacan ‘Salvapantallas’ (2015, reeditada en 2024), ‘Falso documental’ (2016) ou’ Vamos a tocar el agua’ (2017 e 2022), título que foi escollido Libro do Ano pola revista Rolling Stone Argentina na súa edición de 2020. Ao longo da súa traxectoria recibiu numerosos recoñecementos, entre eles o Premio Nacional de Poesía de Costa Rica, e participou en prestixiosos programas internacionais de residencias literarias.
Compartirá escenario con Mónica Caldeiro (Barcelona, 1984), escritora e tradutora galega cunha sólida traxectoria na investigación e na creación poética contemporánea.
Especializada en literatura norteamericana e nas poéticas experimentais dos séculos XX e XXI, é autora de títulos como ‘Estudo sobre o voo dos corzos’ (2025), ‘Accident(ade)s de crema(r)’ (2023) ou ‘Latitud Sur’ (2021). A súa obra combina poesía, investigación e escena, e sitúase nas fronteiras do posthumanismo crítico.
Pioneira do ‘spoken word’ no Estado, Caldeiro foi cofundadora do festival Spoken Word Barcelona e levou a súa poesía a escenarios internacionais como París, Nova York ou Montreal, consolidando unha proposta artística que destaca pola súa dimensión performativa e experimental.
O encontro permitirá ao público achegarse a dúas voces de grande personalidade, que representan a diversidade estética e lingüística da poesía contemporánea. Poetas Di(n)versos e o Concello reafirman así o seu compromiso coa internacionalización da cultura e coa promoción da creación poética, situando A Coruña como un referente no panorama literario.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.