Saturday 06 de June de 2026

A Xunta leva investidos máis de 3,15 M€ nos últimos anos na mellora dos centros educativos de Curtis


 

 

  • O secretario xeral técnico da Consellería de Educación destaca no Parlamento que se realizaron obras en todos os centros do concello
  • Explica que as actuais instalacións do Colexio de Teixeiro son suficientes para o alumnado existente e para cubrir as previsións de demanda de prazas

 

O secretario xeral técnico da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Manuel Vila, destacou hoxe no Parlamento de Galicia que a Xunta leva investidos máis de 3,15 M€ nos últimos anos na mellora dos centros educativos de Curtis.

Entre as actuacións máis destacadas sinalou a ampliación que se está a realizar nestes momentos dos talleres de FP do instituto de Curtis, unha obra de 1,3 M€ que se suma á rehabilitación integral realizada no ano 2023, na que o Goberno galego investiu preto de 1 M€. Tamén se realizaron intervencións nos dous colexios do concello, como recente reparación da cuberta no CEIP de Teixeiro ou a renovación das fiestras e outras melloras no CEIP de Curtis.

O representante do departamento educativo da Xunta explicou que as actuais instalacións do CEIP de Teixeiro son suficientes para dar resposta ao alumnado existente. No referido ás previsións de escolarización para os próximos cursos, non apuntan a un incremento da demanda de prazas educativas.

No concreto do CEIP de Teixeiro, no curso actual ten máis de 100 prazas das 310 que ofertou, isto é, o 33% das prazas non están ocupadas. No caso do CEIP de Curtis, o centro ofertou 215 prazas das que só están ocupadas neste momento 129, é dicir, o 40% das prazas están baleiras.

 

”Estes datos demostran que a rede educativa do concello ten marxe suficiente para absorber a demanda sen crear novos espazos no CEIP de Teixeiro”, afirmou o secretario xeral técnico. En calquera caso, a Consellería avalía de maneira constante as necesidades para poder anticiparse a elas baseándose en datos obxectivos.

Deja un comentario