O prestixioso experto Juan Gómez-Reino sumouse ao cartel
Un abarrotado salón de actos do Centro Cultural Lustres Rivas deu cabida á apertura das IX Xornadas Saudables de Riveira: un evento que arrancou cunha mesa redonda titulada “Convivir co Lupus” na que ao final non foron tres, senón catro, os relatores intervenientes.
Así, ademais do doutor reumatólogo Manuel Pombo Suárez, o enfermeiro Diego Aragunde Rodríguez e a nutricionista Lorena Algonso Martínez, o evento contou tamén cun prestixioso experto: o doutor Juan Gómez-Reino, investigador da Fundación Ramón Domínguez, quen foi o encargado de abrir o coloquio.
Un pouco antes, o alcalde Manuel Ruiz presentou esta nova edición das Xornadas Saudables, acompañado da concelleira de Servizos Sociais Esther Patiño e da delegada en Santiago da Asociación Galega de Lupus (AGAL), Loli Caderno, quen asegurou que son moitas as persoas en Barbanza que teñen diagnosticada esta doenza.
Ambiente participativo
Do interese suscitado por esta mesa redonda deu conta non só o alto volume de asistentes (completouse practicamente o aforo do espazo con preto de setenta persoas) senón tamén do seu espírito participativo, que levou a que esta primeira acción se prolongara ao longo de case dúas horas ata máis aló das dez da noite.