Friday 05 de June de 2026

O PSdeG acusa á Xunta de discriminar a alumnado da Barcia ao non cubrir dúas baixas de enfermaría


Aitor Bouza denuncia un caso de “discriminación” provocado pola “neglixente actuación” da Consellería de Educación e reclama explicacións e responsabilidades políticas inmediatas.

O secretario xeral do PSdeG de Santiago e deputado no Parlamento de Galicia, Aitor Bouza, esixiu explicacións e responsabilidades políticas á Consellería de Educación tras coñecerse que 12 alumnos e alumnas do colexio de educación especial da Barcia tiveron que regresar ás súas casas pola falta de cobertura das baixas de dúas profesionais de enfermaría.
Bouza denunciou que a situación non pode xustificarse como un problema sobrevido nin inesperado, xa que se trata dunha cuestión que á Consellería de Educación non lle “collera por sorpresa”. Segundo advertiu, os responsables autonómicos coñecíana “dende hai tempo” e, malia iso, “non puxeron ningún tipo de solución” para evitar que estes rapaces e rapazas visen afectados os seus dereitos.
O deputado socialista cualificou o sucedido como un “claro exemplo de discriminación” e lamentou que a inacción da Xunta acabase provocando que unha parte do alumnado non puidese desenvolver a súa actividade lectiva con normalidade. Ao seu xuízo, trátase dunha consecuencia directa da “neglixente actuación da Consellería de Educación”.
Neste sentido, advertiu de que o acontecido na Barcia constitúe un “claro ataque aos dereitos fundamentais dos rapaces” e reclamou unha resposta inmediata por parte do Goberno galego. “Teñen que dar explicacións inmediatas”, afirmou Bouza, quen insistiu en que tamén deben asumirse “responsabilidades políticas inmediatas” por unha situación que considera absolutamente inaceptable.
O secretario xeral das e dos socialistas composteláns subliñou ademais que este episodio “non pode pasar como unha cuestión desapercibida” nin ser tratado como unha incidencia máis dentro do sistema educativo. Pola contra, reclamou á Xunta que actúe “de inmediato” para reverter a situación de “absoluta discriminación” que, segundo denunciou, se está a producir no centro.
Bouza asegurou que o alumnado afectado non pode seguir soportando as consecuencias dunha mala xestión e concluíu lembrando que “o alumnado non pode pagar a mala xestión da Xunta de Galicia e da Consellería de Educación do señor Rueda”, á que responsabilizou directamente do sucedido.

Deja un comentario